Así será o futuro viveiro de empresas do polígono industrial de Barro-Meis
Por Redacción
Case 1,7 millóns de euros investiranse na construción do viveiro de empresas que se situará no polígono industrial de Barro-Meis. Situarase na parcela A10 e A11 do polígono e funcionará como estrutura de acollida temporal para emprazar empresas nos seus primeiros pasos no mercado.
A obra está financiada entre os Fondos Feder (80%) e a Deputación de Pontevedra (20%). O organismo provincial aprobou este xoves a súa saída a contratación.
Este ambicioso proxecto non só incluirá despachos e oficinas, senón tamén as coñecidas como "naves-niño", pequenas naves orientadas a emprendedores que pretendan desenvolver proxectos de carácter máis industrial, como talleres, pequenas empresas de produción ou similares.
As empresas que se asenten no viveiro recibirán formación e a Deputación e a Fundación Incyde prestaranlles determinados servizos adaptados ás súas necesidades concretas para que poidan desenvolver iniciativas empresariais de interese local que contribúan a dinamizar a comarca.
Nos viveiros, as empresas instalaranse de forma gratuíta durante os dous primeiros anos, soportando tan só os gastos xerais de mantemento das instalacións.
Ademais dos despachos, oficinas e naves individuais e debidamente sinalizadas, as empresas contarán con espazos comúns dentro do viveiro, entre elas, unha cafetería, servizos de información e un pequeño salón de actos que pode actuar como auditorio.
O proxecto facilitará o labor dos emprendedores de Pontevedra e comarca, dándolle espazos e servizos adecuados para a posta en marcha das súas iniciativas, e servirá tamén de punto de partida para unha estratexia de impulso do emprendemento e promoción económica en toda a provincia.
Relacionadas:
-
O polígono de Barro-Meis venderá as parcelas por 105 euros o metro cadrado
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Pontevedra, sede na primavera dun congreso que xuntará emprendedores de España, Europa e EE.UU.
Por Alejandro Espiño |
-
O CES defende liberalizar a peaxe de Curro para fomentar o uso empresarial de Barro-Meis
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
O viveiro de empresas de Barro-Meis estará operativo nos primeiros meses de 2015
Por Oskar Viéitez |
-
Un proxecto vigues gaña o concurso de ideas para construír un viveiro de empresas en Barro-Meis
Por Redacción |