UGT reclama unha axuda de 426 euros para 2.704 familias de Pontevedra sen ingresos
Por Redacción
O sindicato UGT reclama a convocatoria do Consello Económico e Social de Pontevedra (CES) para tratar a situación en que se encontra o concello tras os datos ofrecidos pola Enquisa de Poboación Activa (EPA) que mostran unha tendencia preocupante, segundo expón o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal.
Os datos reflicten que dunha poboación de 72.200 persoas no Concello pontevedrés, 31.900 se encontran ocupados, 10.400 parados e 29.800 son inactivos.
O sector servizos, que segundo Vidal é o principal motor da economía provincial, rexistra un maior caída de emprego reflectindo unha cifra de 1.800 parados máis no primeiro trimestre de 2015 respecto ao último de 2014. Dende UGT indícase que a reforma laboral provoca que os contratos sexan precarios.
Ante esta situación, na central sindical mostran unha especial preocupación polo aumento de vivendas familiares con polo menos un activo e nas que todas as persoas en condicións de traballar se encontran desempregadas, que alcanza as 3.433 fogares, e tamén polas vivendas familiares sen perceptores de ingresos que case se triplicou dende 2009 pasando de 444 a 1.377 no primeiro trimestre de 2015.
Por este motivo, UGT reclama ás distintas administracións a posta en marcha dunha prestación de ingresos mínimos para 2.704 familias de Pontevedra de 426 euros ao mes, que eviten que os seus integrantes teñan que recorrer "como teñen que facer agora mesmo, á beneficiencia". "ÿ unha obriga das administracións para dar unha vida digna e para atender as necesidades primarias", apunta Ramón Vidal, que comparecía en rolda de prensa xunto a Carlos Esperón, integrante de Acción Social de UGT.
Alertan de que a regulación laboral está a contraer o consumo ante a falta de seguridade de traballo que se detecta entre os empregados e apuntan que os domicilios máis afectados son os que tiñan un maior consumo, con cargas familiares e a partir dos 45 anos.
Ante a situación que se experimenta en Pontevedra, UGT reclama a convocatoria urxente do Consello Económico e Social. "Nun momento tan importante no que estamos, non convacar ao CES é unha temeridade, cando se artellou un instrumento coa Universidade de Vigo para dar resposta a determinadas necesidades que piden as empresas para buscar espazos e instalarse", apuntou Ramón Vidal que espera que o equipo de goberno que se constitúa tras as eleccións municipais convoque este organismo para incentivar a economía local.
Relacionadas:
-
Piden sinaturas para reclamar unha prestación mínima de 426 euros para persoas sen recursos
Por Redacción |
-
O CES defende liberalizar a peaxe de Curro para fomentar o uso empresarial de Barro-Meis
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
O Consello Económico e Social busca fórmulas de creación de emprego e volverá a reunirse en abril
Por Redacción |