Piden sinaturas para reclamar unha prestación mínima de 426 euros para persoas sen recursos
Por Redacción
Os sindicatos Comisiones Obreras e UGT levan desde o 25 de setembro desenvolvendo unha campaña de solicitude de sinaturas que apoien unha iniciativa lexislativa popular na que se reclama ao goberno do Estado o dereito a unha prestación mínima de substitución que achegue unha cantidade de 426 euros mensuais ás persoas que se atopen sen recursos ou en situación de risco.
Segundo expuxeron en rolda de prensa, Ramón Vidal e Eusebio Justo, de UGT e CC.OO., esta prestación axudaría a case 2,1 millóns de persoas no Estado, preto de 90.000 en Galicia, mentres que na provincia de Pontevedra 36.495 persoas terían dereito a recibir esta axuda.
Os requisitos dos beneficiarios serían ter máis de 18 anos e menos de 65, residir en España, carecer de recursos económicos, non reunir requisitos para que sexan recoñecidas prestacións por desemprego e estar inscrito como demandante de emprego.
A campaña terminará a finais de novembro co obxectivo de que despois pase os trámites parlamentarios e poida ser presentada a iniciativa a partir de 2016 ao goberno resultante das eleccións xerais. Os sindicatos xa iniciaron un proceso de recollida de firmas en diferentes empresas e, ao mesmo tempo, están a elaborar un calendario para trasladar a campaña ás rúas.
Para presentar esta iniciativa lexislativa popular son necesarias 500.000 firmas, que se están recollendo en todo o Estado.