Que sucede dentro da nave de Tafisa?
Por Anxo Lourido
O 27 de xuño chegábase a un acordo entre representantes dos traballadores de Tafisa e a dirección para o peche definitivo da fábrica situada na Reigosa (Ponte Caldelas) pero, vinte días máis tarde, a factoría continúa funcionando ante o estupor de parte dos despedidos que formaban parte do equipo. Por este motivo, dende o sindicato CIG decidiuse promover unha asemblea que se desenvolverá o próximo luns para decidir que actuacións levan a cabo ante a continuidade da actividade na nave industrial.
O representante da central nacionalista, Xaquín Agulla, considera que se está a infrinxir o acordo de peche e non descarta presentar unha reclamación ante a Inspección de Traballo. Non obstante, o ex presidente do comité de empresa, José Manuel Moledo, resta importancia a esta actividade, que relaciona coa saída do stock de material que se encontra na fábrica de taboleiros.
Actualmente, segundo Moledo, na nave encóntranse traballando doce empregados do equipo: os seis traballadores que aceptaron as condicións impostas pola empresa para desprazarse a outras fábricas de Tafisa en España, ademais doutros seis que estaba previsto que realizasen actividades ata o desmantelamento total da nave.
"Es verdad que están trabajando pero es gentecon la que ya se contaba. No han comprado más material ni se han deshecho de la plantilla para seguir trabajando" afirma José Manuel Moledo, que entende que outros ex compañeiros se encontren molestos por esta actividade pero entende que carece de sentido protestar neste momento. Sinala que o traballo se está a facer por fases, xa que son poucos operarios, coa única finalidade de finalizar a produción que se iniciara na fábrica.
SOCIO INVESTIDOR
Moledo entende que os ex traballadores deben centrarse en contactar co IGAPE para encontrar un socio investidor que decida apostar pola nave da Reigosa. "Queremos saber si el IGAPE sigue en esta línea o si ya se deshace de nosotros", afirma o ex presidente do comité que indica que dende a Consellería de Industria apostaran por buscar un grupo empresarial que investise nun novo proxecto.
Neste sentido, asegura que a empresa sueca de mobles Ikea si mostrou a súa intención de apoiar un novo proxecto pero sempre como cliente e non como promotora que achegue un investimento económico.
Os ex traballadores xa transmitiron o voceiro do grupo municipal do PP que xestione unha nova entrevista co IGAPE para estudar alternativas de futuro e encóntranse á espera dunha resposta.