Novo desencontro no goberno local: O PSdeG-PSOE non apoia a prórroga do contrato de Cespa
Por Alejandro Espiño
Ferrovial Servicios (nova denominación da empresa Cespa) aceptou a prórroga do contrato de recollida de lixo e limpeza viaria proposta polo Concello de Pontevedra. Era un dos trámites que faltaba para poder asinar esta ampliación. O outro, o visto bo da Xunta de Goberno produciuse este mediodía. Pero non por unanimidade. Os dous concelleiros do PSdeG-PSOE decidiron non apoiar esta prórroga e optaron por absterse.
A pesar do voto discrepante dos edís socialistas cos seus socios de goberno, o contrato con Ferrovial Servicios prorrógase, desde hoxe, por tres anos máis. Este novo acordo recolle as mesmas condicións que tiña o anterior, tanto na prestación de servizos por parte da empresa como no custo que ten para as arcas municipais, uns 5,7 millóns de euros anuais. Estará en vigor ata que en 2017 entre en funcionamento a nova planta de compostaxe que impulsan Concello e Deputación de Pontevedra.
Segundo Antón Louro, é "difícil de argumentar" que un momento de "máxima competencia entre empresas" sexa máis caro licitar un novo contrato
Para o PSdeG-PSOE trátase dunha prórroga "inxustificada". Segundo o seu portavoz, Antón Louro, é "difícil de argumentar" que nun momento de "máxima competencia entre empresas" sexa máis caro licitar un novo contrato que ampliar o actual. Aseguran os socialistas que esta prórroga ten "puntos de oscuridade" e trátase dunha decisión "pouco democrática", xa que condiciona ao goberno municipal que saia das urnas en mayo de 2015.
Louro afirmou que eles eran partidarios dunha prórroga únicamente por un ano, o tempo que consideran necesario para elaborar un pliego de condicións e licitar un novo contrato. "Se se fai un concurso público sería un proceso máis transparente", insistiu o portavoz socialista, que lamentou que tanto este contrato como o do auga asináranse "antes do ano 2000", sendo Juan Luís Pedrosa alcalde, "e coa oposición expresa do resto das forzas políticas que se queixaban da falta de transparencia na adxudicación".
Os socialistas aseguran estar "seriamente molestos" coa prórroga deste contrato, especialmente, sinalaron Antón Louro e Agustín Fernández, pola falta de información e porque "vimos reclamando desde hai tempo un novo pliego de condicións", que recollese, entre outras cousas, unha mellora "ostensible" na limpeza nos colexios". En todo caso, avanzan que este malestar "non nos fará ser nunca imprudentes", porque entenden que o bipartito é "sólido, coherente e consistente" e que funciona "razonablemente ben".
Esta postura do PSdeG-PSOE esténdese, segundo Agustín Fernández, á anunciada planta de compostaxe. "Pontevedra non é o lugar adecuado para esta planta", asegurou o edil socialista, que sinalou que "temos reservas" cara o asinado entre Concello e Deputación "e as condicións que se estipulan". Por iso, iniciarán unha campaña para explicar, entre outros, ás asociacións de veciños e ás comunidades de montes, as súas posibles repercusións.
Os tres anos nos que se amplía o contrato "é o tempo necesario" para preparar un novo concurso, explicou Raimundo González
O BNG DEFENDE A SÿA DECISIÿN
Tras aprobar dita prórroga, Raimundo González insistiu en que "non fondo do asunto estamos de acordo". Explicou que os tres anos nos que se amplía o contrato "é o tempo necesario" para preparar un novo concurso, un prazo que, subliñou, vén determinado polo acordo asinado coa Deputación para a nova planta de compostaxe, un proxecto "ilusionante e fundamental" para o Concello de Pontevedra.
Por iso, o edil nacionalista quixo quitar ferro á abstención do PSdeG-PSOE asegurando que "andan despistados" polos conflitos internos na formación local. "Teñen días e non se lles pode tomar a mal", afirmou Raimundo González. "Ao mellor á mañá din unha cousa, pola tarde outra e despois ao día seguinte non pleno outra diferente, e non é o primeiro caso, e agora moito máis ".
En todo caso, González insistiu en que esta prórroga do contrato con Ferrovial Servizos conta cos informes favorables tanto do secretario como do interventor municipal.
Relacionadas:
-
O Concello aforrará máis de 56.000 euros en 2015 ao pedir a empresa concesionaria da limpeza a revisión do canon
Por Redacción |
-
Moreira ofrece un pacto a Louro para forzar o BNG a licitar un novo contrato do lixo
Por Alejandro Espiño |
-
Cespa amplía o seu contrato con Pontevedra ata 2017, á espera da pranta de compostaxe
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O Concello e a Deputación pactan un acordo para crear unha planta de compostaxe en 3 anos
Por Redacción |