O Concello aforrará máis de 56.000 euros en 2015 ao pedir a empresa concesionaria da limpeza a revisión do canon
Por Redacción
Raimundo González, voceiro do goberno local de Pontevedra, asegura que é a primeira vez que se encontra cun caso parecido. A empresa concesionaria do servizo de limpeza, Cespa, pediu a revisión de prezos a partir do IPC e iso supón unha baixa dun 1% da cantidade económica marcada no contrato, o que leva consigo unha rebaixa de ata 56.246 para o Concello de Pontevedra durante este ano 2015.
Desta forma, a empresa pasará de cobrar os actuais 5.624.697 euros a recibir 5.568.450 euros ao longo da presente anualidade. Raimundo González indicou que a revisión é potestativa do concesionario e que cabe a presentación de recursos por parte da empresa, pero non quixo entrar a avaliar as razóns polas que a empresa solicitou esta revisión.
Cespa encárgase, ademais de recoller os residuos sólidos urbanos, da limpeza viaria, da desratización e da desinfección, da limpeza de edificios municipais e escolas, de recollida de cartón e de vidro porta a porta e tamén do punto limpo.
OBRAS
Por outra parte, na xunta de goberno da mañá deste luns abriuse o procedemento de licitación para a mellora do tramo entre Cabanas e A Igrexa (Salcedo) por unha cantidade que supera os 124.600 euros. Trátase de traballos para reforzar a conexión entre o colexio de Cabanas e a escola da Banda de Música con asfaltado e medidas para calmar o tráfico nese espazo.
Raimundo González tamén sinalou que Viaqua, dentro dos investimentos que tiña pendentes, realizará a instalación da rede de sumidoiros en Michelena, entre a rúa Marquesa e Gutiérrez Mellado. Vaise renovar a rede de saneamento cos pozos de rexistro e as acometidas de fecais. O importe é de 22.443 euros e o prazo de execución é de dous meses pero iniciaranse cando reciba a autorización de Patrimonio.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Cespa aproban unha folga indefinida do servizo do lixo
Por Redacción |
-
Novo desencontro no goberno local: O PSdeG-PSOE non apoia a prórroga do contrato de Cespa
Por Alejandro Espiño |
-
Cespa amplía o seu contrato con Pontevedra ata 2017, á espera da pranta de compostaxe
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada