Mourente lanza o reto: Quen se atreve con sete cuncas de caldo?
Por Oskar Viéitez
Existe unha teoría que explica que na bandeira de Galicia non é un cáliz o que ocupa o lugar central senón unha cunca de caldo e que as sete cruces que o rodean corresponden á terneira, orella, lacón, repolo, patacas, grelos e unto. Por último estarían representados os chourizos.
Sirva este argumento para sinalar que o caldo galego se encontra na esencia máis profunda da nosa estirpe, ou como di o propio alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "é o icono máis certeiro do xeito que tivo a nai Galiza de alimentar aos seus fillos". "Un prato recoñecido máis aló dás fronteiras, sen receita pechada, pero cos ingredientes dá terra", completou o presidente da Deputación, Rafael Louzán.
Un ano máis, e xa van 23, a parroquia de Mourente saca as marmitas para cociñar esta poción máxica coa que alimentar máis de seis mil asistentes a berro de: "O que queira caldo quente... que pase por Mourente!".
Para esta cita, o día 9 do próximo mes de marzo, xa se apuntou o televisivo Xosé Manuel Piñeiro, que será o pregoeiro.
Os ingredientes xa están encargados: 350 quilos de carne de tenreira, 50 quilos de lacón, 110 de touciño entrefebrado, 240 de orella, 100 de morro, 60 de cacheira, 70 de chourizos, 100 de cuncha de polo, 900 mangados, 90 quilos de repolos, 38 quilos de fabas, 600 quilos de patacas e un quilo de unto.
A cazola de barro costa cinco euros e a cunca serigrafiada dous.
Pódese repetir as veces que se queira, por iso lánzanos o reto: Quen se atreve con sete cuncas de caldo?