Para caldo quente, Mourente
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Como cada segundo domingo do mes de marzo dende 1992 Mourente volveu converterse na capital do caldo galego cunha festa que xa sitúa a parroquia pontevedresa no calendario de citas gastronómicas. Nesta edición número XXIII da celebración, volveu repartir unhas 6.000 porcións.
Tras o acto de imposición de capas e medallas dos confrades da Orde do Caldo Galego de Mourente do sábado, este domingo foi o día central da festa, na que colabora a Asociación de Veciños "O Castro" de Mourente e que este ano tivo como pregoeiro de excepción ao presentador televisivo Xosé Manuel Piñeiro.
Presentado polo actor Rubén Riós, Piñeiro deu o comezo da degustación a partir das 13.00 horas e, durante as horas seguintes, pasaron pola carpa miles de persoas dispostas a degustar caldo ata fartarse. Este ano o lema era 'Quen queira caldo quente... ¡¡que pase por Mourente!! '. E pasaron.
A xornada completouse coa homenaxe ao veciño de Mourente José Iglesias Salmón e a actuación de grupos folclóricos, pero o grande atractivo da cita foi, como cada ano, o caldo, que se serviu por 5 euros en 'cazola' de barro e por 2 euros en 'cunca' de barro serigrafiada, coa opción neste último caso de repetir a gusto do comensal.
Orella, tenreira. lacón, touciño entrefebrado, chourizo, grelos e pataca non faltaron nas cuncas e, para acompañar, pan, culler, coitelo, garfo e pano da mesa e o atractivo de que a 'cunca' e a cazola se poden levar para casa de recordo.