Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, sobre a manifestación sanitaria: "está absolutamente politizada. Non xorde da necesidade da poboación"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
"A sanidade galega no barómetro sanitario é das máis valoradas de España", expresaba este venres Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, na praza de touros de Pontevedra na súa visita ao espazo en que este sábado Alfonso Rueda ofrecerá o mitin central da campaña electoral.
Recoñecía a dirixente popular que hai persoas que "ás veces sofren atraso na atención sanitaria pola falta de médicos"", pero alegaba que esa ausencia de facultativos en Galicia é responsabilidade do Goberno central.
Pola contra, mantivo que a Xunta de Galicia cubriu prazas e puxo en marcha iniciativas para resolver as demandas.
Por este motivo, Prado entende que a manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para este domingo 4 en Santiago de Compostela forma parte dunha "manipulación por parte dos partidos de esquerda. Todas as forzas políticas puxéronse de acordo para sufragar esta manifestación. Está absolutamente politizada. Non xorde da necesidade da poboación", asegurou.
Sinala que na Xunta permanecen "tranquilos porque as persoas que necesitan a sanidade pública están atendidas" e remarcou que cando se produce un problema grave se abre un carril rápido con atención inmediata.
Criticou aos partidos de esquerdas ao entender que manipulan os argumentos para defender esta convocatoria e mostrou as súas dúbidas de que obteñan "réditos políticos" coa protesta.
"Seguiremos traballando para mellora naquilo en que se poida. Non imos aceptar manipulacións políticas na sensibilidade do ámbito sanitario", concluíu a dirixente popular.
Relacionadas:
-
Multitudinaria manifestación en defensa da sanidade pública
Por Oskar Viéitez |
-
Anuncian a cobertura de nove prazas de médicos de urxencias hospitalarias en Pontevedra-O Salnés
Por Redacción |
-
Case 200 autobuses achegarán xente de toda Galicia á "festa" do Partido Popular na praza de touros
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Alertan de que o contrato das ambulancias do 061 en Pontevedra pode quedar deserto
Por Redacción |
-
Protesta do BNG de Poio porque o goberno local do PP rexeita fretar buses para a manifestación pola sanidade pública
Por Redacción |
-
Chamamento de SOS Sanidade Pública a participar na manifestación en Santiago do 4 de febreiro
Por Anxo Lourido |
-
Alfonso Rueda podería perder a maioría absoluta fronte a un bipartito BNG-PSOE, segundo o CIS
Por Natalia Puga |
-
Concentración ás portas do Hospital Provincial para entregar carbón ao xerente da Área Sanitaria
Por Oskar Viéitez |