O vento de Qumaira cébase coa sede da Xunta e obriga a cortar o tráfico en Fernández Ladreda
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O temporal Qumaira que empezou a azoutar Galicia a partir das 7.00 horas deste xoves 6 de febreiro empezou a deixar as primeiras incidencias en Pontevedra a partir das 9.00 horas, fundamentalmente a causa do vento que causou desprendementos de fachadas e movementos de colectores, así como outras de pequeno alcance relacionadas con caidas de árbores e ramas. A de maior transcendencia da mañá rexistrouse na sede da Xunta de Galicia en Campolongo, onde foi necesario pechar o tráfico das rúas circundantes durante dúas horas.
Os bombeiros e a Policía Local desprazáronse á zona a partir das 11.00 horas e chegou a valorarse a evacuación tanto do edificio administrativo da Xunta coma da Axencia Tributaria. Pasadas as 11.30 horas foi necesario cortar a rúa Fernández Ladreda, entre Xeneral Rubín e García Nieto pola caídas das chapas métalicas da fachada lateral do edificio. O tráfico desviouse polas rúas laterais ata as 13.30 horas.
O edificio da Xunta foi acordoado a primeira hora desta mañá polo perigo para todas as persoas que circulan polas súas inmediacións e edificios lindantes e os empregados públicos do edificio teñen que saír polo garaxe ou unha porta lateral. Ademais, quedou prohibido o acceso ao inmoble. A raíz desta situación, o sindicatoCSIF denuncia que o edificio, inaugurado hai cinco anos, "se desfai como un naipe na súa fachada lateral ante calquera temporal" e pregúntanse "cal é o motivo". Ademais, sosteñen que "estes feitos graves deben solucionarse de forma urxente, e evitar que se volvan repetir xa que poderían causar danos irreparables a calquera das persoas que accedan ou traballen nel".
Está activado o nivel de alerta laranxa por temporal costeiro e de vento en terra en toda Galicia e prevese que a maior incidencia se desenvolva ata primeira hora da tarde deste xoves. Os primeiros datos do Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia indica que xestionou entre as 00.00 e as 09.00 horas un total de 98 incidencias a causa do temporal, a maioría na franxa horaria de entre as 8.00 e as 9.00 horas.
Os concellos con maior número de incidentes foron Arteixo, Oleiros, Carballo, A Coruña e Curtis (na provincia coruñesa); e Vilagarcía, Mos, Pontevedra e Vigo (na de Pontevedra). Na cidade do Lérez, os bombeiros tiveron a primeira alerta arredor das 9.00 horas por un desprendemento de fachada no edificio número 3 da rúa Iglesias Vilarelle, no barrio de Campolongo.
Ás 10.00 horas, unha dotación tivo que desprazarse ata o barrio de Monte Porreiro ao recibir un aviso dun veciño de que habia chapas soltas no edificio 49 da rúa Alemania. Foi preciso asegurar varias planchas de protección da fachada.
Xa a media mañá, pasadas as 11.00 horas, ao mesmo tempo que chegou a alerta desde o edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, os bombeiros desprazáronse ata o edificio do Concello de Pontevedra na rúa Michelena para retirar unha lumieira que voou. Os bombeiros tamén tiveron que ir ao colexio Villaverde de Mourente polo risco de caída dunha árbore no recinto escolar.
INCIDENTES NOS PEIRAOS DE COMBARRO E CAMBADOS
En canto aos peiraos, durante a noite o vento levantou parte do teito dos departamentos dos mariñeiros de Combarro, no municipio de Poio. Ademais, debido á forza da ondaxe producíronse desperfectos nos fingers dun pantalán de Tragove (Cambados).
Durante a xornada, as catro provincias galegas permanecerán en alerta laranxa por vento, con refachos que poderán acadar os 130 quilómetros por hora. Así mesmo hai decretada tamén alerta laranxa costeira en todo o litoral por ondas que acadarán os sete metros de altura.
Por mor deste fenómeno adverso, a Comisión Escolar de Alertas determinou a suspensión das actividades no exterior das instalacións dos centros educativos de toda Galicia; e recomendou o seguimento das condicións meteorolóxicas por se o risco aumentase e houbese que decretar a suspensión da actividade docente. En Pontevedra, ademais a Concellería de Deportes comunicou aos clubs e escolas deportivas municipais que todas as instalacións ao aire libre do Instituto Municipal de Deportes pecharán dende as 13.00 horas ata as 23.30 horas.
Para aquelas actividades que se desenvolvan en instalacións deportivas cubertas, o concelleiro de Deportes prega a máxima responsabilidade á hora de acudir e acceder polos riscos imprevistos que se poidan aveciñar. A medida tamén afectou aos adestramentos do Pontevedra Club de Fútbol, que tiña previsto adestrar no campo de herba sintética da Xunqueira e se trasladará ao pavillón multiúsos.
Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior insisten á poboación da importancia de seguir as medidas de protección como vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras ou circular con precaución nas estradas, especialmente se utilizan vehículos lixeiros como bicicletas ou ciclomotores.
Nas zonas de litoral aconséllase permanecer alonxado de praias, rompentes, paseos marítimos, espigóns ou todas aquelas zonas susceptibles de seren afectadas por un golpe de mar. E igualmente, revisar os amarres das embarcacións e evitar realizar prácticas deportivas e náuticas.
Relacionadas:
-
Substitúen a lumieira da sede do Concello en Michelena danada por 'Qumaira'
Por Mónica Patxot |
-
Ruth apenas se deixa notar en Pontevedra ao rexistrarse só varias incidencias menores
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
San José fará unha revisión integral do edificio da Xunta despois dos temporais
Por Redacción |
-
Suspendidas as clases no colexio Vilaverde de Mourente
Por Redacción |