Suspendidas as clases no colexio Vilaverde de Mourente
Por Redacción
A dirección do centro do CEIP Vilaverde, Mourente, acordou suspender as clases durante todo o venres debido á árbore que está a piques de caer no interior do recinto escolar por mor do temporal.
A Policía Local achegouse a determinar o estado da árbore e por se era posible sacala no transcurso da tarde. Segundo os técnicos, a situación na que se atopa o exemplar obriga a ir derramándoa dende a copa ao tronco. Ademais, os traballos non poderán facerse até que amaine o vento dado que será necesario instalar unha grúa con brazo para desmontala. Os técnicos acordaron deixar para o venres estes traballos.
A situación levou á dirección do centro a suspender as clases na xornada do venres. Dende a dirección do centro estase a informar a todo o alumnado, mentres que a Policía Local pasará mañá, á hora de inicio das clases, polas paradas do autobús escolar para informar aos pais no caso de que algún alumno descoñecese a noticia.