San José fará unha revisión integral do edificio da Xunta despois dos temporais
Por Redacción
A construtora San José fará unha revisión integral do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo unha vez que pasen os fortes temporais que están a azoutar o municipio nas últimas semanas co obxectivo de avaliar o estado en que quedaron as instalacións despois dos últimos incidentes de desprendementos das chapas da fachada.
Os temporais deste inverno motivaron que varias chapas metálicas se desprendesen e xerasen situacións de perigo para os traballadores e resto de cidadáns que acoden ao edificio a diario, así como para os veciños da zona de Campolongo. O momento máis crítico viviuse este xoves, ao paso da borrasca Qumaira, cando foi necesario mesmo pechar o tráfico na rúa Fernández Ladreda mentres se aseguraba a fachada.
Segundo sinalaron fontes da Xunta de Galicia en Pontevedra, os reiterados incidentes motivaron que os responsables do Goberno galego en Pontevedra se mantivesen xa varios contactos con San José, a constructura encargada de facer o edifcio, que se inaugurou no ano 2008 tras realizarse un investimento global de 46 millóns de euros. Este xoves, tras o último problema, houbo varios contactos e este venres celebrouse unha reunión formal.
Froito desa reunión xa se tomaron as primeiras actuacións preventivas. Como medida urxente, este venres a construtora empezou a instalar unha rede protectora para cubrir as torres norte e sur do edificio. O obxectivo é evitar que os próximos temporais volvan derivar en desprendementos de máis pranchas.
Unha vez que pase o ao tempo, farase a análise completa para determinar como quedou o edificio e revisaranse todas as pranchas da fachada.
Relacionadas:
-
O vento de Qumaira cébase coa sede da Xunta e obriga a cortar o tráfico en Fernández Ladreda
Por Redacción | Creada e actualizada