Ruth apenas se deixa notar en Pontevedra ao rexistrarse só varias incidencias menores
A diferenza das numerosas incidencias que deixaron en Pontevedra o paso dos dous últimos temporais, primeiro Petra e posteriormente Qumaira, a chegada de Ruth apenas se deixou notar na cidade. Azoutou as Rías Baixas durante esta madrugada, pero sen a virulencia dos dous anteriores. Os servizos de urxencia municipais, en situación de prealerta, non tiveron problemas en atender os incidentes menores que se produciron.
O máis rechamante produciuse na rúa Peregrina, nas inmediacións do antigo sanatorio Santa Rita. Sobre as 02.00 horas producíronse diversos desprendimentos do edificio situado no número 55 de dita rúa. Ante a imposibilidade de revisar a fachada ata que cesase o forte vento, Bombeiros e Policía Local pecharon a zona ao tráfico, un corte que se estendeu tamén a Andrés Mellado ata pasadas as doce do mediodía.
Ademais de caídas de ramas de árbores e sumidoiros atascados, houbo que actuar na residencia da terceira idade de Campolongo, ante o desprendimento de planchas da súa fachada, ou na rúa Fernando Olmedo, onde se produciron inundacións. Xa pola tarde, cortouse ao tráfico a ponte do Burgo mentres os Bombeiros retiraban do río varios troncos de gran tamaño que caeran ao Lérez e acumuláranse nos arcos da ponte.
En total, entre as 18.00 do venres e as 06.00 horas do sábado, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia xestionou un total de 143 incidencias como consecuencia do temporal costeiro e de vento en terra. A maior parte das incidencias tiveron relación co vento, sendo as máis comúns as caídas de árbores, ramas e outros obxectos.
Por provincias, a máis afectada foi a de Pontevedra, con 74 incidencias. As máis relevantes das que se teñen constancia, segundo indica a Xunta, tiveron lugar en Ribadumia, onde caeu o muro do Pazo de Quinteiro da Cruz a unha pista municipal; e en Gondomar, onde unha árbore tirou o tendido eléctrico e caeu encima dun coche.
CHEGA STEPHANIE
Trala tregua que deixa a tarde do sábado, Pontevedra recibirá este domingo a un novo temporal, bautizado co nome de Stephanie. De novo estará activado o nivel de alerta vermella por risco extremo en toda a costa galega, ao prognosticarse ondas de entre nove e dez metros de altura. Ademais de fortes choivas, a forza do vento nas Rías Baixas poderá alcanzar nalgunhas zonas os 120 quilómetros por hora.