A derrota do Toledo no seu partido aprazado despexa un pouco máis o panorama do Pontevedra
Por Redacción
O Pontevedra Club de Fútbol depende de si mesmo para manter a categoría nas tres xornadas que restan de competición regular na Segunda División B. Sendo esa a mellor noticia, o resultado rexistrado este mércores polo Toledo no seu encontro aprazado supón un pouco máis de aire para os granates.
O conxunto toledano viuse superado no seu estadio por 0 goles a 1, mercé a un penalti transformado por Cristo González á media hora de xogo, ante o Real Madrid Castilla, en encontro suspendido no seu momento pola grave crise cardíaca sufrida polo seu xogador Lassad nun adestramento.
Esta derrota mantén ao Toledo en postos de descenso a 7 puntos do Pontevedra e con só 9 máis en xogo.
A situación adquire importancia por ser precisamente o equipo manchego o único dos rivais directos co que os granates teñen o 'average' particular perdido, o que en caso de empate a puntos podería resultar decisivo, prexudicando aos de Pasarón tamén en caso de triplo empate con outros equipos.
Así pois o Pontevedra sabe xa que cun triunfo nos tres partidos que restan espantaría esta pantasma, tendo en conta que conta co diferencial de goles favorable coa maioría dos seus rivais como son o Coruxo, Valladolid B e Racing de Ferrol, mentres que coa Gimnástica Segoviana poñerase este factor en xogo o vindeiro domingo. Co Guijuelo pola súa banda ao estar empatado o particular, decidiría o average xeneral, agora favorable aos salmantinos por un só gol.
Agora mesmo Guijuelo e Pontevedra contan con 41 puntos, Coruxo e Valladolid B (en posto de play- ut) con 40 puntos, e en descenso Ferrol con 38, Gimnástica Segoviana con 36, Toledo con 34 e xa descendido o Cerceda con 24 puntos.
Relacionadas:
-
A Gimnástica Segoviana saca as vergoñas e complica de novo a un mal Pontevedra (3-0)
Por Redacción |
-
Competición confirma unha sanción de dous encontros a Álex Gonzaléz
Por Diego Espiño |
-
Unha rotura de fibras fai perigar o concurso de Darío Flores no tramo final da liga
Por Diego Espiño |
-
Sufrimento con final feliz para o Pontevedra en Valladolid (1-2)
Por Redacción |