Sufrimento con final feliz para o Pontevedra en Valladolid (1-2)
Por Redacción
O Pontevedra Club de Fútbol deu este domingo un paso importante cara á permanencia na Segunda División B despois de vencer, non sen sufrimento, a domicilio a un rival directo como o Valladolid B.
Do mesmo xeito que nos últimos encontros lonxe de Pasarón, os granates plantáronse nos anexos do José Zorrilla cun esquema con tres centrais, acompañados nesta ocasión por Marcos na dereita e Álex González na esquerda, que volvía ao equipo.
O control do balón foi nos inicios para os locais, cun Pontevedra ben posicionado en liñas defensivas. Non sufría o equipo neses instantes iniciais, con tímidos achegamentos do filial ata o minuto 10, cando Antonio Domínguez avisou cun disparo desde a frontal que obrigou a Edu Sousa a esforzarse por evitar o gol.
Non foi ata ese momento no que o Pontevedra empezou a mostrarse ofensivamente cunha chegada de Añón pola dereita que tentou conectar sen éxito con Éder nunha xogada que terminou en córner, aínda que a tónica mantívose con intensidade nas pugnas no centro do campo.
Pasaban poucas cousas, salvo a lesión de Darío Flores que lle obrigou a pedir o cambio, ata que se cumpriu a media hora de xogo, cando en apenas un par de minutos puideron anotar os dous equipos. Tentouno primeiro o Pontevedra nun centro desde o costado zurdo que Añón rematou na área, e respondeu na seguinte acción o Valladolid cunha acción de Mayoral que cedeu para Becerra para que Edu salvase aos de Luismi. Empezaban a facer máis danos as rápidas transicións dos locais, tras algunha perda dos pontevedreses.
Eran momentos delicados, pero aí apareceu a calidade de Adrián Mouriño a balón parado para desnivelar o marcador no minuto 40. Fíxoo nunha falta lixeiramente esquinada cara á dereita que aproveitou para cun gran lanzamento directo bater a Dennis. Foi un gol dos chamados psicolóxicos, que deu moral para chegar ao intermedio con vantaxe.
Tras o descanso o choque tensionouse e volveuse bronco por momentos, con menos fluidez, pero cun Pontevedra serio e concentrado. Non lograba chegar con claridade o filial e quen si o fixo no seu primeiro achegamento foi o cadro granate. Corría o minuto 54 cando Éder aproveitou un bo servizo de Añón para facer o 0-2.
Poñíase moi a favor o encontro, pero a alegría durou pouco porque só 4 minutos despois os locais recortaban distancia con polémica. Foi cun discutido penalti de Edu Sousa sobre Luís Suárez que Mayoral transformou no 1-2.
O tanto deu ás ao filial valisoletano, que empezou a apertar con máis insistencia facendo pasar un mal intre aos de Luismi. Eran os peores momentos do encontro e aínda que puido facer o 1-3 Kevin Presa cun disparo afastado que se marchou desviado por pouco, tocaba sufrir.
O Valladolid foi encerrando aos granates e gozou dalgunha ocasión para facer a igualada, sobre todo en dous disparos de Samanes e de Antonio Domínguez ou nunha ocasión de Mayoral que se paseou por diante da portería de Edu sen atopar rematador. Apertou os dentes o equipo de Pasarón, que mesmo acabou con 10 pola expulsión de Álex González no 89 por desprazar o balón para perder tempo, uns minutos que se foron consumindo para certificar unha vitoria que vale ouro, ante un rival directo que levaba 12 xornadas sen perder e que achega a permanencia na Segunda B, aínda que aínda haberá que seguir pelexándoo nas próximas semanas.
REAL VALLADOLID B (1): Dennis, Apa, Moi, Mario, Salisu, Raúl (Marí, minuto 58), Mayoral, Javi Pérez (Luis Suárez, minuto 46), Becerra, Antonio Domínguez, Samanes.
PONTEVEDRA CF (2): Edu, Goldar, Darío Flores (Nacho López, minuto 23), David Castro, Marcos Álvarez, Álex González, Álex Fernández, Kevin, Mouriño (Jesús Barbeito. minuto 81), Éder, Añón (Jorge Hernández, minuto 73).
Árbitro: Aimar Velasco Arbaiza (País Vasco). Amoestou a Javi Pérez, Antonio Domínguez, Luis Suárez e Apa no Valladolid B e a Darío Flores, David Castro, Jorge Hernández e Marcos Álvarez en el Pontevedra. Expulsou por dobr cartón a Álex González (min.89) nos granates.
Goles: 0-1 Mouriño (min.40), 0-2 Éder (min.54), 1-2 Mayoral, de penalti (min.58).
Incidencias: Xornada 35 de liga na Segunda División B disputada nos campos anexos do José Zorrilla, en Valladolid.
Relacionadas:
-
A Gimnástica Segoviana saca as vergoñas e complica de novo a un mal Pontevedra (3-0)
Por Redacción |
-
O Pontevedra espera un partido de "mucha presión" en Segovia
Por Diego Espiño |
-
A derrota do Toledo no seu partido aprazado despexa un pouco máis o panorama do Pontevedra
Por Redacción |
-
Competición confirma unha sanción de dous encontros a Álex Gonzaléz
Por Diego Espiño |
-
Unha rotura de fibras fai perigar o concurso de Darío Flores no tramo final da liga
Por Diego Espiño |
-
Seguir sumando, única receita do Pontevedra para achegarse á permanencia
Por Diego Espiño |
-
Luismi apúntase ao 'cholismo' para afrontar o último mes de competición
Por Diego Espiño |
-
A transformación do Valladolid B, próximo rival do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A responsabilidade atenaza o Pontevedra fronte a un Guijuelo que perdoa (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |