A Gimnástica Segoviana saca as vergoñas e complica de novo a un mal Pontevedra (3-0)
Por Redacción
SEGOVIA: Servizo especial para Pontevedraviva. Texto de Sergio Perela e Fotos de El Adelantado de Segovia.
No partido máis importante, que podía significar a tranquilidade case absoluta, o Pontevedra volveu ás andadas dando un perigoso paso atrás. Unha saída despistada, un grave fallo de marcaxe, e aos dous minutos os galegos xa estaban por baixo no marcador.
Foi como consecuencia dun corner mal executado polos locais, que non se soubo despexar, permitindo un centro desde a liña de fondo de Fernan, para que Anel, de cabeza no segundo pau absolutamente só, lanzándose en ferro, adiantase aos segovianos.
Lonxe de reaccionar, os visitantes sufrían a maior intensidade da Gimnástica, que chegou a forzar ata cinco saques de esquina nos primeiros doce minutos de partido, fiel reflexo do seu dominio, ante un Pontevedra tímido que non conseguía practicamente pisar o campo contrario.
Tardou case media hora en dar síntomas de reacción o Pontevedra, fíxoo co seu primeiro aviso e único serio, nun remate de cabeza de Éder, que se marchou fóra, moi preto do poste.
O adiantamento de liñas expoñía aos de Luismi ás rápidas transicións en contras dos locais, que afortunadamente para os galegos non souberon aproveitar os homes de Abraham García, incorrendo con frecuencia en posicións de fóra de xogo.
Lonxe de mellorar na segunda parte, o Pontevedra seguiu mantendo un perfil baixo na súa proposta, tanto que a pesar de tentar dar un paso adiante, fíxoo sen conseguir inquietar en ningún momento, máis que en accións a balón parado.
Pola súa banda a Gimnástica, sempre máis intensa, suplía a súa teórica inferioridade técnica cunha actitude e entrega moi superior.
Os locais puideron ampliar a conta de novo á saída dun corner, contando sempre co descoido xeneralizado da defensa galega, que viu como o remate de Ivi terminaba no poste (minuto 53).
O Pontevedra gañaba metros, pero unicamente unha falta lanzada por Álex Fernández, que sacou con apuros Pablo, foi a súa case nula achega ofensiva.
Ata que cando o partido encamiñábase ao seu final, chegou un novo erro, neste caso de Kevin Presa, que perdeu un balón no centro do campo. Fernan, o mellor home sobre o campo, aproveitouno para plantarse ante Edu e elevar con calidade para facer o 2-0.
E por se o resultado non estivese sentenciado, as malas noticias acumuláronse para os galegos, que perdían por dobre amarela a Nacho para encaixar un minuto máis tarde o terceiro, ao aproveitar Fernán un balón rexeitado por Edu, a disparo de Ivi.
Duro correctivo que dá vida a un rival directo e obriga ao Pontevedra a non volver picar, aínda que a nota positiva para os granates é que os resultados doutros campos permítenlle seguir dependendo de si mesmos para conseguir unha permanencia cada vez máis cara.
GIMNÁSTICA SEGOVIANA (3): Pablo; Borja Plaza, Asier, Javi Marcos, Anel, Manu, Dani Arribas (Quique, minuto 75), Fernan, Agus Alonso (Ivi, minuto 47), Calleja e Quino (Domingo, minuto 80).
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Nacho, David Castro (Jimmy, minuto 73), Goldar (Iván Martín, minuto 81), Adrián Leon, Álex Fernández, Marcos Álvarez, Kevin Presa, Éder, Mouriño (Jorge, minuto 66) e Añón.
Árbitro: Jorge Díaz Escudero (Murcia), auxiliado nas bandas por Alejandro Berenguer Castejón e José Mario Pérez Jurado. Expulsou ao xogador visitante Nacho López, por dobre amoestación (minuto 87). Amoestou a Manu e Ivi, na Gimnástica Segoviana, e a Kevin Presa, David Añón e Mouriño, no Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 2: Anel. (2-0) Minuto 83: Fernan. (3-0) Minuto 88: Fernán.
Incidencias: Estadio Municipal de La Albuera (Segovia). 2.221 espectadores, con numerosa presenza de afeccionados galegos, chegados en dous autobuses e vehículos particulares.
Relacionadas:
-
A permanencia do Pontevedra na Segunda B ponse en xogo en Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Edu Sousa pasa de posibles primas: "No creo que cualquier regalo valga más que conseguir la permanencia"
Por Diego Espiño |
-
Luismi pide axuda á afección: "Contamos con ellos, más que nunca les necesitamos"
Por Diego Espiño |
-
Portas abertas en Preferencia e promocións no resto de bancadas para a 'final' ante o Adarve
Por Redacción |
-
O Coruxo prescinde do pontevedrés Rafa Sáez no momento decisivo da tempada
Por Redacción |
-
Dúas xornadas nas que todo pode pasar
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra espera un partido de "mucha presión" en Segovia
Por Diego Espiño |
-
A derrota do Toledo no seu partido aprazado despexa un pouco máis o panorama do Pontevedra
Por Redacción |
-
Competición confirma unha sanción de dous encontros a Álex Gonzaléz
Por Diego Espiño |
-
Unha rotura de fibras fai perigar o concurso de Darío Flores no tramo final da liga
Por Diego Espiño |
-
Sufrimento con final feliz para o Pontevedra en Valladolid (1-2)
Por Redacción |