A defensa, clave dun Cisne serio que gaña a domicilio o BM Madrid (21-25)
Por Redacción
Custoulle ao Cisne meterse no partido no seu desprazamento ao Pavillón Francisco Fernández Ochoa de Carabanchel, pero cando o fixo non deu opción ao BM Madrid, remontando o seu mal arranque e sentenciando no inicio da segunda parte, na que a súa defensa atou aos lanzadores locais permitíndolle abrir unha brecha definitiva no marcador.
Foi un partido estraño en canto ao seu desenvolvemento. BM Madrid aproveitou o descoido inicial dos de Jabato, desacertados no lanzamento e desaxustados en defensa, para escaparse cunha vantaxe de catro goles (5-1) nos primeiros 10 minutos. Foi aparecer Pablo Galán, con catro intervencións consecutivas e virse arriba o Cisne.
O parcial seguinte de 1-6 daba a volta ao electrónico para poñer por primeira vez en vantaxe aos galegos (6-7), no minuto 20, e non deixar de mandar xa no resto do partido.
Con todo o resultado ao descanso reflectía unha vantaxe mínima dos visitantes (9-10) que falaba ás claras da superioridade das defensas sobre os respectivos ataques.
Pero nada máis comezar a segunda parte o Cisne saíu arroiando ao seu rival. A pesar de que aos dous minutos sufría a descualificación directa de Ígor Tenorio por unha dura acción sobre Toni Sarió, o equipo branco estivo sensacional no aspecto defensivo e resolutivo nos lanzamentos, especialmente cun Pablo Gayoso que non deixaba de machucar a portería local.
A consecuencia de todo iso foi un demoledor parcial de 0-6 que ampliaba a renda á máxima diferenza (9-16), que BM Madrid só puido frear co seu primeiro gol do segundo tempo cando xa se disputaran nada menos que once minutos do segundo acto.
Non se renderon os madrileños, pero a brecha aberta era excesivamente grande e aínda que lograron poñerse a só dous goles de distancia (19-21) con seis minutos por disputar, un oportuno tempo morto de Jabato serviu para poñer orde nos seus e ao volver a pista Carlos Pombo e Álex Chan sentenciaban definitivamente (19-23) para chegar ao final cunha clara e merecida vitoria (21-25) que eleva a catro as xornadas sen perder do conxunto branco.
Consulta as estatísticas do partido entre BM Madrid e Cisne na web da Real Federación Española de Balonmán.
Relacionadas:
-
Carlos Pombo rescata ao Cisne nun final de infarto ante Grupo Covadonga (30-29)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O cisneísta Daniel Ramos, convocado pola Selección Española Junior
Por Redacción |
-
Confirma o seu bo momento o Cisne cunha traballada vitoria ante o Villa de Aranda (28-26)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Cisne e Arxil, obrigados a cambiar de pavillón
Por Diego Espiño |