Confirma o seu bo momento o Cisne cunha traballada vitoria ante o Villa de Aranda (28-26)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Importante triunfo o conseguido polo Club Cisne Balonmán no Pavillón Municipal dos Deportes ante o Villa de Aranda (28-26) nun duelo de alternativas que non se decidiu ata o último minuto, e que permite aos pontevedreses colocarse nunha cómoda posición na División de Honra Prata tras encadear tres xornadas sen perder.
O partido comezou ben para os locais. O gol inicial de Rodrigo del Val para o Villa de Aranda foi un espellismo e os de Jabato, sacando bo rendemento da súa defensa 6-0 nos primeiros instantes, pasaron a dominar o choque.
Así aos 8 minutos tras un gol de Casares, o mellor en ataque no primeiro acto, o Cisne colocaba o 5-2. Todo parecía funcionar, o ataque atopaba posicións claras ata que empezou a entrar en calor Ricardo Amérigo na portería visitante.
O ex-gardameta do Teucro conectou seis paradas de forma case consecutiva e cambiou a tendencia do partido. Aos pontevedreses empezáballes a custar atopar boas situacións de lanzamento e a intensidade defensiva descendía propiciando a remontada do Villa de Aranda. Jabato víase obrigado a pedir tempo morto con 6-7 no marcador (minuto 15), e aínda que ao volver a pista conseguían empatar, os visitantes estaban agora máis acertados e mandaban dun e dous tantos.
Foi así ata case o descanso, ao que chegou en vantaxe o Aranda (14-15), aínda que antes no carrusel de alternativas dous goles de Casares e outro de Carlos Pombo devolveran a igualdade ao xogo e ao electrónico.
Ese arreón no final do primeiro acto tivo continuidade no inicio do segundo, e coa axuda de Pablo Galán con dúas paradas consecutivas o Cisne recuperaba o mando (16-15). Aínda que se resistían os visitantes o choque parecía cambiar de novo de cara e os de Jabato gozaban dos seus mellores minutos.
No ecuador do segundo tempo o Aranda vía como se lle escapaba o encontro (22-19) e recorría ao tempo morto para tentar cortar a dinámica. Non funcionou e os pontevedreses con dous goles de Javi Vázquez colocaban a máxima no marcador (26-21) a menos de 7 minutos para o final.
Parecía na man o encontro, pero non foi así e na montaña rusa que foi o partido o Villa de Aranda aínda tería que dicir. Os cineístas encadearon varios fallos, o que sumado a unha exclusión de Dos Santos permitiu reducir a distancia a un só gol (27-26).
A tensión era máxima. Álex Chan achegaba de novo o triunfo pero a afección local non respirou porque a falta de menos dun minuto Andrés Sánchez cometía un sete metros e era excluído. Podía de novo poñerse a un o equipo visitante e en superioridade ata o final, pero o seu lanzamento foi á madeira acabando coas súas opcións de puntuar.
Consulta as estatísticas do encontro na páxina web da Real Federación Española de Balonmán.
Relacionadas:
-
Carlos Pombo rescata ao Cisne nun final de infarto ante Grupo Covadonga (30-29)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
A defensa, clave dun Cisne serio que gaña a domicilio o BM Madrid (21-25)
Por Redacción |
-
O cisneísta Daniel Ramos, convocado pola Selección Española Junior
Por Redacción |
-
Cisne e Arxil, obrigados a cambiar de pavillón
Por Diego Espiño |
-
Partidazo do Cisne e punto de mérito na pista do líder Alcobendas (23-23)
Por Redacción |
-
Un Cisne de dúas caras gana con autoridade a Palma del Río (29-24)
Por Ramiro Espiño |