O Leis feminino cae en San Fernando (4-1) e queda sen opcións de permanencia
Por Redacción
Non foi capaz de puntuar o Leis Pontevedra na cancha do San Fernando (4-1) e, a falta de tres xornadas para o final da Segunda División Feminina queda sen opcións de alcanzar os postos de permanencia, polo menos se se cumpre o establecido a principio de tempada nas bases de competición, que fixa tres prazas de descenso.
Tentouno ata o final o equipo adestrado por Raúl Jiménez, pero encaixou unha derrota demasiado avultada para os méritos de ambos os equipos.
As pontevedresas arrincaron o partido con presión alta e contras rápidas, coas locais dominando pero sen perigo claro. Con todo as locais foron as primeiras en acertar nunha acción de saque de banda. Pouco despois o Leis igualou nunha boa xogada entre Ali e Lara para chegar en igualdade ao descanso.
No segundo acto o San Fernando foi encerrando ao Leis ata que conseguiron o 2-1. As de Raúl tentaron reaccionar de novo pero cando menos merecíano chegaba o terceiro e, xa con xogo de cinco en pista, encaixarían o cuarto e definitivo.
EMPATE DO CIDADE DE PONTEVEDRA
Mellor van as cousas no Grupo I da Segunda Feminina ao Cidade de Pontevedra, que co empate logrado na cancha do Fisober (2-2), rival directo, mantense fóra da zona de descenso.
As pontevedresas, nunha apertadísima clasificación, son undécimas con 18 puntos.