O Leis apraza unha semana a súa permanencia en Segunda B ao perder na pista do Boal
Por Redacción
Unha semana máis terá que pelexar o Leis Pontevedra por conseguir a permanencia na Segunda División B de fútbol sala, despois de caer na pista dun rival directo, o Boal (4-1).
A derrota deixa aos pontevedreses con só un punto de vantaxe sobre o cadro asturiano, polo que a próxima xornada, última da competición, xogarase todo a unha carta. As contas son claras para os de Manu Cossío, que se enfrantarán ao Xove e que deben igualar o resultado que consiga o propio Boal ante o Pizarras Los Tres Cuñados.
En canto ao partido, o Leis viuse superado pola intensidade local, e só a boa actuación de Edu en portería permitiulle manterse con opcións ao descanso (1-0), opcións que se esfumaron no inicio da segunda metade con tres goles que supoñían a sentenza. Dani, no minuto 35, fixo o gol da honra para os pontevedreses.
EMPATE DO EQUIPO FEMININO
Xa descendido, o Leis Pontevedra tirou de orgullo na Segunda División Feminina para arrincar un punto en Toledo (3-3) que mesmo sabe a pouco despois dun bo encontro.
Quería o Leis un triunfo que lle permitise abandonar o faroliño vermello ante o Mora, co que está empatado a puntos. Así nun bo inicio o equipo adestrado por Raúl Jiménez logrou adiantarse por medio de Patri, e aínda que o seu xogo baixou de intensidade mantívose con vantaxe ata o descanso.
No inicio do segundo acto as locais remontaron con dous goles nun minuto, pero o Leis conseguiu devolver a moeda con dous tantos consecutivos de Ali. A falta de cinco minutos o Mora optou polo xogo de cinco, ben defendido polas pontevedresas ata a última xogada do partido, cando un disparo afastado supuxo o definitivo empate a 3.
Pola súa banda o Cidade de Pontevedra, no Grupo I, caeu derrotado ante o Ribamontán Al Mar (0-3) e apraza o que podía supoñer a permanencia matemática na categoría.