Novo paso de xigante do Leis masculino cara á salvación e valioso empate para o equipo feminino
Por Redacción
Importante vitoria do Leis Pontevedra na Segunda B masculina que lle achega ao obxectivo da permanencia. Os pontevedreses venceron ao Pizarras los Tres Cuñados no Municipal (7-2) e collen 4 puntos de distancia sobre o Boal na clasificación, na que seguen duodécimos.
O Leis saíu en tromba e lograba adiantarse xa no minuto 2 nunha xogada individual de Martín. Presionaban os de Manu Cossío, que atopaban de novo premio aos 4 minutos nunha xogada de estratexia rematada por Berto.
Estaba tocado o cadro visitante, que antes de darse conta encaixaba o terceiro, nun saque de banda que toca Vedo. Chegaría mesmo o 4-0 de Carlos antes de que o Pizarras lograse reaccionar para recortar distancias antes do descanso, pero pouco duroulles a alegría xa que Barcala facía o 5-1 de dobre penalti antes de ir aos vestiarios.
Na segunda metade os visitantes tentaron lanzarse ao ataque, pero unha incidencia no marcador que obrigou a levar á mesa a cronometraxe descentrounos. Entre protestas, e con ata dúas expulsións, Carlos ampliaba a vantaxe, polo que o Pizarras optou á desesperada polo porteiro-xogador. Así nun roubo chegaría o 7-1 e antes de que no último minuto chegase o segundo tanto visitante.
EMPATE DO LEIS FEMININO
Segue pechacancelas o Leis Pontevedra na Segunda División Feminina, cos mesmo puntos que o Moura e a dúas do Simancas, tras o seu empate da fin de semana. Con todo o punto foi ben valorado polas pontevedresas ao logralo na difícil cancha do Soto del Real (4-4), segundo clasificado.
Raúl recuperaba para a cita a Ali, Marta e Bibi e o equipo notouno, aínda que na primeira metade o resultado non acompañou a pesar da igualdade na pista e as locais marcharon ao descanso con resultado favorable de 4-1.
O encontro cambiou tras o paso polos vestiarios e as pontevedresas protagonizaron os seus mellores minutos para igualar o partido. No tramo final ambos puideron levar o triunfo, pero non acertaron as súas ocasións e tiveron que conformarse co empate.