Remontada en inferioridade do Marcón para manter o liderado e vitoria importante para o Pontevedra B
Por Redacción
O Marcón Atlético tivo que tirar de caste para sacar adiante un encontro que se lle puxo costa arriba para manter o liderado da Primeira Rexional e dar un paso importante cara ao ascenso.
Os pontevedreses venceron a domicilio ao Domaio (2-3) nun partido no que tiveron que remontar o gol inicial dos locais xogando desde o tramo final do primeiro tempo en inferioridade numérica pola expulsión de Emilio.
O Domaio adiantouse aos 10 minutos. Desde ese momento o Marcón tentou igualar e cando máis complicado púxoselle, tras a expulsión, sacou o seu carácter para facer o empate antes do descanso por medio de Manu Sieiro.
Nada máis comezar o segundo tempo, Sapi de penalti facía o 1-2. Era momento para tentar defender a renda, e fíxoo o Marcón con acerto ata que sentenciou no minuto 89. Só quedou tempo para que os locais maquillasen o marcador no desconto.
Grazas á vitoria o Marcón segue líder con 60 puntos nunha dura pugna co Campo Lameiro, segundo con 59, e con Beluso, que suma 58 puntos.
Consulta a acta do Domaio-Marcón Atlético.
Importante tamén foi o triunfo do Pontevedra B no campo de Monte Porreiro ante o Chaín (2-0), que lle permite escapar polo momento da zona perigosa da clasificación.
Foi un partido moi traballado para os de Tonete, que decidiron na segunda metade cos goles de Richard no 66 e de Jaime no último minuto.
Coa vitoria o filial granate ascende ata a duodécima praza con 38 puntos.