Peixe Galego reduce as súas opcións ao caer fronte ante un Palencia dominador (74-84)
Por Redacción
Necesitaba pouco menos que un partido perfecto Marín Peixe Galego para conseguir unha vitoria fronte ao potente Quesos Cerrato Palencia, que chegaba á Raña obrigado a gañar para seguir o ronsel do líder RetaBet, e non o conseguiu. Os de Javi Llorente acumulan a súa sexta derrota consecutiva e ven como se lle reducen as xornadas para conseguir remontar e manter opcións dunha permanencia que queda xa á distancia de tres vitorias, con só seis partidos por diante.
Na pista marinense enfrontábanse dúas dinámicas opostas e non houbo sorpresa na Raña. Moito máis solvente e confiado, Quesos Cerrato Palencia non deu opción aos marinenses, deixando moi claro desde o salto inicial que viñera a por o partido.
Os palentinos practicamente deixaron resolto o partido na primeira parte, levados da man do seu mellor home, Dani Rodríguez, que terminaría con 33 puntos de valoración (19 puntos e 9 rebotes), mentres Peixe Galego víase limitado pola súa baixa efectividade nos tiros de campo (44%) perdendo tamén a loita baixo taboleiros, na que os visitantes dominaron, capturando 35 rebotes, por 26 dos marinenses.
O primeiro cuarto xa fixo temer o peor á afección local. O resultado (16-23), sería practicamente calcado nos 10 minutos seguintes (17-24), o que deixaba claro que a defensa "peixe" non tivera o seu mellor día. Como consecuencia, ao descanso o marcador reflectía un claro 33-47 (14 puntos de desvantaxe), que se antollaban unha montaña imposible de escalar para o equipo local.
E as sensacións non cambiaron na volta á pista. A pesar de que Marín non baixou a cabeza, con Andrés Miso como o seu mellor home, pero cun Tim Derksen controlado perfectamente, os de Javi Llorente aproveitaron que o Palencia optou por facer un "baloncesto-control" para anotarse os dous últimos parciais (19-18 e 22-19) e recortar lixeiramente, pero sempre sen inquietar a Queixos Cerrato, que gañou con autoridade.
Consulta aquí as estatísticas do Peixe Galego-Quesos Cerrato Palencia.
Relacionadas:
-
Peixe Galego queda sen marxe de erro ao perder en Oviedo (89-55)
Por Redacción |
-
O Peixe Galego dá a sorpresa en Lleida e apura as súas opcións de permanencia (73-79)
Por Redacción |
-
A permanencia cada vez máis lonxe para o Peixe Galego trala súa derrota en Cáceres (83-67)
Por Redacción |
-
A lesión de Andrés Miso lastra ao Peixe Galego fronte a Burgos (79-89)
Por Redacción |
-
O Peixe Galego perde na prórroga en Logroño e complica o seu futuro na LEB Ouro (83-77)
Por Redacción |