Marín saca peito dun ano histórico para o seu deporte
Por Redacción
Dificilmente esquecerá Marín o ano 2016 en materia deportiva, xa que foi redondo non só para moitos dos seus clubs e equipos, senón que se consolidou como sede de eventos de primeiro nivel.
Así o entende con satisfacción o propio Concello en base a "tres liñas básicas de actuación: eventos, apoio a clubs/deportistas e infraestruturas", recoñece nun comunicado no que fai balance dos últimos 12 meses.
A vila marinense foi escenario de eventos de relevancia internacional, como a saída dunha etapa da Vuelta Ciclista a España, ou nacional como o Campionato de España de Milla ou a Copa España de ciclismo feminino, sen esquecer competicións como a Copa Galicia Internacional de Ximnasia Acrobática ou o Campionato Galego Absoluto de Taekwondo.
Ademais 2016 quedará na historia como o ano do Peixe Galego, no que logrou un dobrete histórico ao conseguir o título de Cópaa LEB Prata e o ascenso á segunda división do baloncesto nacional, a LEB Ouro.
Aínda por riba un dos seus mellores deportistas, o atleta Jean Marie Okutu, clasificouse para os Xogos Olímpicos de Río de Janeiro tras bater o seu propio record galego en salto de lonxitude cunha marca de 8,17 metros.
Os bos resultados doutros deportistas marinenses en competicións nacionais e internacionais de taekwondo, ciclismo, boxeo ou xadrez, entre outros, e o resto de eventos organizado polos clubs son un motivo de satisfacción para o Concello, que aumentou as subvencións deportivas desde os 40.000 ata os 55.000 euros.
Todo iso foi complementado co plan de mantemento e mellora das instalacións, que supuxo por exemplo o cambio da iluminación nos tres pavillóns (A Raña, Sequelo e A Cañota).
Relacionadas:
-
O Concello de Marín aproba as subvencións para clubs deportivos
Por Redacción |
-
Partidazo do Peixe Galego para vencer ao Leyma Coruña e volver engancharse á LEB Ouro (73-67)
Por Redacción |
-
As baixas castigan ao Peixe Galego en Melilla (91-63)
Por Redacción |
-
O Peixe Galego viaxa a Melilla en cadro
Por Redacción |