Derrotas de Pontevedra Rugby Club e Mareantes na segunda xornada de liga
Por Redacción
Despois da vitoriosa estrea ligueira, o Pontevedra Rugby Club non puido repetir sorte no seu primeiro partido da tempada na casa, caendo en Monte Porreiro ante o CR Ferrol por un contundente 0-31.
En plena celebración do seu popular Outubrofest, o PRC viuse superado claramente por un dos candidatos ao título. Pese ao intento de contrarrestar o alto ritmo de xogo dos ferroláns, non foron capaces de facer dano á súa liña defensiva.
Coa derrota o PRC cae á terceira posición da Primeira Galega con 5 puntos.
Quinto é agora o Mareantes, que tamén cedeu no seu segundo compromiso ligueiro, no seu caso no campo de Os Ingleses de Vilagarcía (41-10).
O choque púxose moi pronto en contra dos pontevedreses, que no minuto 1 vían como Os Ingleses adiantábanse co primeiro ensaio do partido. O golpe deu forza ao Mareantes, que pasou a dominar e igualou aos 8 minutos por medio de Iago.
Con todo ese dominio foise diluíndo e os locais aproveitaron para abrir distancias antes do descanso (22-10), a pesar do segundo ensaio visitante. A renda ampliárona na segunda metade con tres ensaios que redondearon o marcador final.
Na próxima xornada de liga, fixada para o sábado 5 de novembro, o Pontevedra Rugby Club visitará ao Ourense, mentres o Mareantes descansará.