Pontevedra Rugby Club e Mareantes empezan con bo pé
Por Redacción
Non puido empezar mellor a tempada oficial para os equipos pontevedreses de rugby, que comandan a clasificación da Primeira División Galega tras superar con nota o debut ligueiro.
Na casa xogaba o Mareantes Hifas da Terra, recibindo en Monte Porreiro a un Coreti Lalín afectado por varias baixas e ao que terminou vencendo no tramo final (20-11).
O choque permaneceu moi igualado no primeiro período, chegando ao descanso cun apertado 11-8, pero o Mareantes mantivo un ritmo elevado que desgastou ao seu rival nos últimos minutos, logrando ademais un punto extra por bonus ofensivo.
Tamén sumou bonus ofensivo o Pontevedra Rugby Club no seu partido, desatado na parcela atacante na súa visita ao Muralla de Lugo (13-60).
O PRC foi moi superior ao seu rival, que non foi capaz de seguir o ritmo marcado polos pontevedreses.
Con estes resultados o Pontevedra Rugby Club é o primeiro líder da competición con 5 puntos, os mesmos que o Mareantes e cun de diferenza sobre o outro equipo vitorioso do fin de semana, o CR Ferrol, que se impuxo (14-13) ao Rugby Ourense.
Na segunda xornada, prevista para a próxima fin de semana, o PRC estrearase na casa ante o Ferrol e o Mareantes visitará a Os Ingleses de Vilagarcía, que descansou na primeira xornada.