A Outubrofest encara a recta final vento en popa tras recibir xa a 15.000 persoas no Teucro
Por Diego Torrado & Redacción
Pasado o ecuador da Outubrofest 2016, os organizadores están máis que satisfeitos coa boa resposta que está a recibir a festa desde que o xoves 27 se instalou na praza do Teucro. Este ano a celebración organizada para recadar fondos para o Pontevedra Rugby Club é máis longa que en anos anteriores -seis días- e prolongarase ata o vindeiro martes 1 de novembro, pero o balance provisional das catro primeiras xornadas é xa moi positivo.
O bo tempo dos últimos días e a ponte festiva que durará ata o martes animou aos pontevedreses para achegarse ata a carpa e, segundo as cifras facilitadas polo presidente do Pontevedra Rugby Club, Félix Álvarez, xa pasaron polo Teucro ao redor de 15.000 persoas.
Se a afluencia de xente segue como ata agora na noite deste domingo e nos dous días que aínda hai por diante de festa, Álvarez calcula que pasarán pola carpa ao redor de 30.000 persoas. O ano con maior participación nos oito de historia da Outubrofest fora ata agora 2015, cuns 20.000 comensais, pero este ano a festa prolóngase dous días máis do habitual, de modo que se prevé superar o récord. Isto implicaría tamén superar as os 7.500 litros de cervexa e as máis de 11.000 salchichas despachadas na edición do ano pasado, pero para facer ese balance aínda é pronto.
A xornada con maior afluencia foi a deste sábado e prevese que este domingo e o luns sexan igual de positivos. En canto ao comportamento dos comensais, o presidente do club explicou que os dous produtos máis demandados son este ano a salchicha dun metro de longo e o codillo.
A carpa da Outubrofest permanecerá aberta en horario de 12.00 a 00.00 horas ata o martes con prezos que se manteñen igual nesta oitava edición que na primeira: a cervexa loura a 3,50 euros a pinta e a 6 euros o litro e a torrada a 4 e 7 euros.
Relacionadas:
-
Derrotas de Pontevedra Rugby Club e Mareantes na segunda xornada de liga
Por Redacción |
-
Seis días de Outubrofest para encher Pontevedra de cervexa e salchichas
Por Mónica Patxot |
-
As salchichas dun metro triunfan nun Outubrofest con novo récord de público
Por Redacción |
-
Pontevedra xa está de Outubrofest
Por Redacción |