Poio arroupa a España na súa primeira vitoria (5-3) ante Portugal en Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado
Poio respondeu como se esperaba á selección feminina de fútbol sala. Máis de 500 persoas abarrotaron as bancadas do pavillón da Seca para gozar co triunfo de España ante Portugal por 5-3. Foi o primeiro dos amigables que ambos os conxuntos celebrarán na provincia e que serven como preparatorios de fronte ao inminente Mundial.
O partido, que supoñía a celebración do I Trofeo Internacional Conservas Pescamar, non decepcionou a ninguén. E menos ao público que, entregado, coas españolas non deixaron de animar ás pupilas de Alicia Morell durante todo o encontro.
As lusas comezaron mellor o encontro e na primeira parte levárono ao seu ritmo. Carla, a pivote do equipo, moi difícil de defender, abriu o marcador xa aos dous minutos e a partir de aí a España tocoulle remar ao contraxeito.
Empatou Peque, a mellor do partido, aos seis minutos, pero enseguida volveu poñerse por diante Portugal cun tanto de Melissa. España, da man de Peque, buscou o empate e xerou varias ocasións claras pero o marcador non se moveu dese 1-2 ata o intermedio.
Melloraron as españolas na segunda metade. Meteron unha marcha máis e por momentos dominaron con claridade o xogo.
Amelia empatou, pero de novo reaccionou Portugal cun tanto de Janice. Parecía resultar imposible a remontada, pero apareceu Consuelo para marcar dous goles consecutivos e consumar esa remontada. Peque selou a vitoria xa nos últimos segundos materializando un dobre penalti.
Antes do Mundial, onde ambas as seleccións aspiran todo o máis alto, España e Portugal volverán enfrontarse en partido amigable. Será este mércores na Estrada.
ESPAÑA (5): Vanessa, Isabel, Amelia, Ana e Vane Sotelo -cinco inicial- Leticia, Inma, Amparo, Berta, Peque, Consuelo, Rebeca, Belén e Estela.
PORTUGAL (3): Bety, Ana Azevedo, Carla, Daniela e Melissa -cinco inicial- Sofía, Joana, Ana Goncalves, Janice, Inés, Sara, Catia, Jennifer e Daniela Ribeiro.
Árbitros: Rubén Ferrero Carballal e Carlos Martínez Torres, con José González Vázquez como terceiro árbitro. Cartóns amarelos para Peque por España e para Carla, Sofía, Melissa e Catia por Portugal.
Goles: 0-1 Carla (min. 2); 1-1 Peque (min. 6); 1-2 Melissa (min. 8); 2-2 Amelia (min. 27); 2-3 Janice (min. 30); 3-3 Consuelo (min. 32); 4-3 Consuelo (min. 34); 5-3 Peque (min. 40).
Incidencias: Partido disputado no polideportivo da Seca (Poio) ante máis de 500 espectadores.
Relacionadas:
-
Gran vitoria dun sólido Poio Pescamar ante Burela Pescados Rubén (2-0)
Por Redacción |
-
Comeza a fase de competición máis esixente para o Poio Pescamar
Por Redacción |
-
Derrota axustada do Poio Pescamar na cancha do Gironella (2-1)
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar volve á realidade ligueira en Gironella
Por Redacción |
-
O España-Portugal, un premio á "constancia, dedicación y trabajo" do Poio Pescamar
Por Diego Espiño |
-
A Selección Española Feminina de fútbol sala xogará un amigable contra Portugal en Poio
Por Redacción |