Naturhouse impón a lóxica e varre ao Teucro no primeiro tempo (33-26)
Por Redacción
Era un dos partidos que non entraba nos cálculos teucristas na súa loita pola permanencia. Naturhouse La Rioja, neste momento, é inalcanzable para o Teucro e os azuis saíron á pista sabendo que as súas posibilidades pasan por outras xornadas. Iso deixouse notar. Os locais impuxeron o seu maior potencial ofensivo e deixaron sentenciado o partido xa no primeiro tempo, no que varreron da pista aos de Quique Domínguez.
Bastaron dez minutos de xogo para practicamente saber que o partido non podía ter outro desenlace máis que o triunfo local. O parcial de 7-1 falaba por si só da superioridade da defensa local e dun equipo que tiña en Pedro Rodríguez e Ángel Fernández aos seus mellores argumentos.
Os galegos foron incapaces de ofrecer resistencia e marcháronse ao descanso xa sen opcións de puntuar, cun marcador contundente no que Naturhouse dobráballes nos números (20-10).
Aínda por riba, os comezos da segunda parte non melloraron as cousas, xa que o intento teucrista de incrementar a súa intensidade defensiva viuse penalizado polos colexiados con varias exclusións, o que permitiu a Naturhouse manter diferenzas, a pesar da lóxica relaxación e a repartición de minutos que decidiu o seu técnico para aforrar enerxías.
A partir do minuto 50, con todo decidido (28-18), os locais acusaron unha posible lesión grave de Rocas, e o Teucro aproveitou para reducir lixeiramente o marcador final (33-26), maquillando o resultado.
NATURHOUSE LA RIOJA (33): Kappelin, Aguinagalde; Vigo (1), Luisfe (2), Molina (2), Ángel Fernández (8), Pedro Rodríguez (6), Garabaya (2), Miguel Sánchez (2), Val (2), Cacheda (3), Rocas, Langaro (3), Javier García e Garcíandia (2).
SD TEUCRO (26): Ritxi Amérigo, Andrés Delgado; Erik Balenciaga (3), García Pichel (2), David Chapela (2), Víctor Rodríguez (1), Iván Fernández (2), Gonzalo Carró (1), Carlos García (2), Pedreira (1), José Manuel Rial (2), Dani Hernández (2), Edu Moledo (6) e Samu Gómez (2).
Marcador (cada cinco minutos): 3-0, 7-1, 8-3, 11-6, 16-8, 20-10 (descanso), 22-12, 23-15, 26-15, 28-18, 32-22 e 33-26 (final).
Árbitros: Ballano e Rodríguez. Excluíron por dous minutos ao local Luisfe e aos visitantes Gonzalo Carró (2) e Edu Moledo.
Incidencias: Palacio dos Deportes (La Rioja). Uns 1.200 espectadores.
Relacionadas:
-
Sen descanso cara a permanencia
Por Diego Espiño |
-
A instalación da pista azul, unha dor de cabeza para o Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Teucro visita A Rioxa convencido de que "intocable sólo es el Barcelona"
Por Diego Espiño |
-
Deporte Galego formaliza o patrocinio de 21 equipos de elite da comarca
Por Redacción |
-
Punto de caste e ouro para o Teucro nun partido vibrante ante Villa de Aranda (30-30)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |