Triste despedida ligueira do Poio FS con derrota (1-4) fronte ao FSF Móstoles
Por Redacción
Dende hai bastantes xornadas o Poio FS ten os deberes feitos coa permanencia en Primeira División asegurada. Pode que iso fixéselle baixar considerablemente o seu rendemento, pero o certo é que esta liga se lle fixo excesivamente longa ás rapazas de Morenín, que asinaron unha segunda volta en canto a resultados máis ben pobre.
Sen nada en xogo nin para unhas nin para outras, o último partido da tempada enfrontaba o Poio FS co FSF Móstoles. Veciños na clasificación, ambos os dous equipos pretendían despedir a liga cunha vitoria, especialmente as locais, que dicían tamén adios a unha das súas xogadoras máis destacadas dos últimos anos, a súa porteira internacional Silvia Aguete, que viu o partido dende o banco, pero que non puido festexar o triunfo coas súas compañeiras, nun partido que se levaron as madrileñas, que practicamente sentenciaron en apenas 13 minutos de xogo.
A pesar de adiantarse aos tres minutos cun gol en propia porta de Celia ao intentar despexar un remate, o Poio viuse superado por un Móstoles que daría a volta ao marcador con dous goles en menos dun minuto, o primeiro de Patri Chamorro, aproveitando unha perda de balón local en primeira liña, e o segundo de Cristina rematando no segundo pau un pase de Chamorro.
As madrileñas conseguían definitivamente o dominio do partido superado o ecuador do primeiro tempo con outros dous goles case consecutivos. Marta á saída dun córner e Inma tras un balbordo na área, poñían o definitivo 1-4.
Na segunda parte, as locais adiantaron liñas ante un Móstoles que buscaba alongar as súas posesións. As de Morenín recorreron ao xogo de cinco dende o minuto 33, pero só conseguiron estrelar un balón no poste, sen inquietar nunca seriamente ás madrileñas.
POIO FS (1): Irene; Charo, Lucía, Yoly, Claudia -cinco inicial-, Zulu, Elena, Nerea, Paloma, Tania e Jenny.
FSF MÓSTOLES (4): Belén; Patri Chamorro, Inma, María Otero, Cristina -cinco inicial-, Celia, Marta, Arabel e María (p.s.).
Árbitros: Borja Moreira e Emilio González (A Coruña). Amoestaron a Yoly no Poio, e Marta e Celia no Móstoles.
Goles: (1-0) Minuto 3: Celia (propia porta). (1-1) Minuto 4: Patri Chamorro. (1-2) Minuto 4: Cristina. (1-3) Minuto 12: Marta. (1-4) Minuto 13: Inma.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 250 espectadores.