Victoria e permanencia para o Poio FS tras impoñerse (2-0) ao Orvina nun desterro forzado polas goteiras
Por Ramiro Espiño
Tres puntos e a permanencia asegurada matematicamente un ano máis na máxima categoría do futbol sala feminino. Conseguiuno o Poio FS, aínda que tivo que facelo nun inesperado desterro, debendo trasladar o seu partido fronte ao equipo navarro do Lacturale Gurpea Orvina ao Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, debido ás goteiras que afectaban á súa pista habitual da Seca, que deixaron a superficie impracticable.
A directiva que preside Juanjo García tivo que moverse rapidamente para conseguir un escenario alternativo, co fin de evitar ter que custear os gastos que supoñería un aprazamento do partido e unha nova viaxe do conxunto navarro noutra data. Encontrouno en Pontevedra, e aínda que o partido comezou cun lixeiro atraso puido xogarse con normalidade e o equipo rojillo sumou tres puntos que certifican a súa permanencia entre as mellores.
E fíxoo cun partido serio, pero sobre todo grazas á sensacional actuación, unha vez máis, da súa porteira Silvia, que volveu acreditar ser das mellores de España, converténdose nun muro infranqueable para as navarras.
Moi serio atrás, o Orvina saía con rapidez á contra, pero en última instancia aparecía sempre Silvia (ata catro remates en man a man sacoulle ás xogadoras visitantes) abortando todas as xogadas de perigo ante o seu marco.
Con máis posesión de balón, o Poio FS encontrou recompensa a falta dun minuto para o descanso, nun balón que rouba Claudia, asistindo a Souza, que dende preto fusila a Rebeca.
A mesma tónica se mantivo na segunda parte. As melloras ocasións eran visitantes, tanto con remates de preto coma con disparos afastados, pero sempre Silvia saía ao rescate do seu equipo. Ata que no minuto 26, nun ataque embarullado das de Morenín, Tania dispara ao poste e o rexeitamento lle cae a Jenny, que coa colaboración dunha defensora fai o segundo.
Ata o final o Orvina intentou reducir distancias, pero o Poio FS aguantou ben, pechando espazos a pesar de sumar a quinta falta cando aínda restaban seis minutos de partido, non sufrindo tampouco cando o técnico visitante ordenou o xogo de cinco a catro minutos do final.
Destacar, ademais da vitoria, o debut en partido oficial co Poio FS de Zulu, despois de superar a grave lesión que lle mantivo apartada das pistas dende a pretempada.
POIO FS (2): Silvia; Jenny, Souza, Charo, Claudia -cinco inicial-, Paloma, Yoly, Zulu, Tania, Nere Moldes e Elena.
LACTURALE GURPEA ORVINA (0): Rebeca; Luci, Patri, Maialen, Laura -cinco inicial-, Irune, Airora e Yarima.
Árbitros: Raquel Mateiga Rodríguez e Manuel Dans Rey (A Coruña). Amoestaron as xogadoras locais Jenny e Souza.
Goles: (1-0) Minuto 19: Souza. (2-0) Minuto 26: Jenny.
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 300 espectadores.
Relacionadas:
-
Non pode o Poio FS co Burela FS, que remonta (1-3) na recta final
Por Redacción |
-
O Poio FS cede na segunda metade na cancha do líder Atlético Féminas (3-0)
Por Redacción |
-
Zulú regresa ante o Orvina á convocatoria dun Poio FS que pretende asegurar a permanencia
Por Redacción |
-
Silvia dálle os tres puntos ao Poio FS no último minuto ante o Ordizia (1-2)
Por Redacción |