Louzán sopesa a oferta de Villar para ocupar un cargo na directiva da Federación Española de Fútbol
Por Oskar Viéitez
"Eu non vou a un sitio para estar por estar", así reacionó o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, ante a oferta que lle fixeron para ocupar un cargo na directiva da Federación Española formulada polo seu máximo responsable, Ángel María Villar.
Rafael Louzán indicou que "en principio se me ofreceu esta posibilidade", pero aclarou que se acepta a proposta "será para defender os intereses do fútbol de Galicia". Engadiu que "non teño máis compromiso que ese. Non levo ningún tipo de hipoteca", insistindo nesa circunstancia afirmando que "non se me dará nada porque anteriormente eu pactase nada con ninguén".
"Estou totalmente lexitimado para defender única e exclusivamente os intereses do futbol galego, se iso é asi pois estaremos", asegurou Louzán, aínda que antes pediu que lle dean unha marxe de tempo.
"Galicia é unha potencia e reivindica o seu papel na Federación Española de Fútbol", sentenciou Louzán.
O próximo martes será a primeira reunión da Xunta Directiva da Federación Galega de Fútbol e "agora hai que poñerse mans á obra e a traballar" comentou Rafael Louzán, que pediu "unha marxe prudencial de tempo" a todos os clubs, xogadores, adestradores e árbitros "que conforman a gran familia do futbol".
Louzán indicou que quere "dar resposta" aos problemas deste deporte, "especialmente un moi grave que é o da mutualidade, que preside o mesmo presidente da Federación Española de Fútbol. Ai ten que haber un cambio urxente e necesario", afirmou.
Neste sentido adiantou que un equipo de avogados está a traballar para corrixir ese contrato coa actual aseguradora que se ocupa da asistencia sanitaria de todos os futbolistas de Galicia.
Relacionadas:
-
Louzán presenta a directiva que o acompañará na Federación Galega de Fútbol
Por Redacción |
-
Louzán non deixa a política polo fútbol e "seguramente" estará en "algunha" candidatura do PP
Por Oskar Viéitez |
-
Rafael Louzán xa é presidente da Federación Galega de Fútbol
Por Ramiro Espiño | Creada e actualizada