Louzán non deixa a política polo fútbol e "seguramente" estará en "algunha" candidatura do PP
Por Oskar Viéitez
Rafael Louzán, presidente da Deputación, do Partido Popular de Pontevedra e, dende este venres, novo presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF) non ten intención de deixar a política xa que "seguramente" estará en "algunha" candidatura do Partido Popular aos comicios municipais, que se celebrarán en maio de 2015.
"O gran reto é presentar 62 candidaturas gañadoras" do Partido Popular na provincia "e seguramente vou estar nalgunha destas candidaturas", así confirmouno Rafael Louzán aos xornalistas durante unha rolda de prensa na Deputación.
Aínda que a convocatoria era para dar conta dos asuntos tratados na xunta de goberno da administración provincial, Louzán accedeu a contestar varias preguntas sobre a súa vitoria electoral na asemblea FGF fronte ao seu rival, José García Liñares, alcalde socialista do municipio coruñés de Cerceda, ao que acusou de practicar o "vale todo" para gañar as eleccións.
Louzán explicou que non hai incompatibilidade entre a súa nova responsabilidade e o cargo de presidente da Deputación polo que compaxinará ambos os dous cargos actuando con "transparencia".
Este mesmo venres a xunta de Goberno do ente provincial aprobou a adxudicación dunha nova bancada e vestiarios no campo de fútbol do Alondras. En total, a Deputación financiou 114 campos de fútbol baixo a presidencia de Louzán.
Unha vez que conforme o seu equipo Rafael Louzán quere coñecer polo miúdo a situación da Federación para que empece a traballar con "absoluta transparencia", entre outros obxectivos se propón "cambiar moitos aspectos anquilosados" como o propio proceso electoral.
En canto á sede da Federación, indicou que ten pendente unha conversación co alcalde da Coruña, Carlos Negreira, para coñecer o convenio para levantar unha sede na cidade herculina.
Finalmente Rafael Louzán recordou que a Federación Española de Fútbol ten unha "débeda histórica" coa galega.