Carlos García, con molestias aínda no xeonllo, confía en iniciar a tempada co Teucro en plena forma
Por Redacción
O final da pasada tempada foi todo un calvario para Carlos García. As molestias no seu xeonllo, que lle impediron render ao máximo nivel, obrigárono a pasar polo quirófano o pasado mes de maio para tratar a súa lesión de menisco. Pero catro meses despois, a súa recuperación é practicamente total. Segue evolucionando favorablemente e espérase que chegue en plena forma ao inicio de liga.
O extremo esquerdo, un dos capitáns da SD Teucro, comezou a pretempada con normalidade pero a intensidade dos seus adestramentos foi aumentando a medida que pasaban as semanas. Nos primeiros partidos da pretempada non estivo a disposición de Quique Domínguez e non foi ata o amigable xogado en Bueu cando chegou o debut do xogador de Carballo.
Agora, con cinco partidos de pretempada nas súas pernas, Carlos García apenas sente molestias aínda que estas son maiores das que pensaba. "Aínda teño molestias no xeonllo. Pensei que non sería así pero hai que ir pouco a pouco. Sigo con traballo de fisioterapia para intentar chegar a tope ao inicio de tempada", explica Carlos García, un xogador que foi clave na vitoria da SD Teucro na Copa de Galicia.
Respecto á sesión do luns, realizada no Hotel-Balneario Hesperia Isla de la Toja, Carlos García dixo que "era algo que necesitaba o equipo despois dunhas semanas de moita esixencia a nivel de adestramentos e de partidos amigable".
A partir de agora, Carlos seguirá traballando duro para chegar ao cen por cen ao debut ligueiro. Será o próximo 13 de setembro en Irún, e farao coa satisfacción dos bos resultados logrados polo equipo azul nas últimas semanas.