"The Hole" chega a Pontevedra: haberá seis funcións entre os días 9 e 12 de febreiro
Por Redacción
Cabaret, circo, música humor e teatro fusiónanse en The Hole, un dos espectáculos de variedades máis exitosos que viu a escena nacional nos últimos anos. Tras triunfar en Madrid, en 2017 chegará a Pontevedra. Serán, en total, seis funciones que se representarán entre os días 9 e 12 de febreiro no auditorio de Afundación de Pontevedra.
The Hole é unha atrevida aposta que combina música, humor e teatro "nunha experiencia única e de alta voltaxe ", tal e como indican os seus produtores.
Cristina Medina será a encargada de dirixir o show que ten programadas funcións o xoves 9 de febreiro, ás 21.00 horas, o venres e o sábado 10 e 11 de febreiro, dous pases diarios (19.30 e 22.30 horas) e o domingo, de peche, ás 18.00 horas.
The Hole é un espectáculo fresco e descarado que conta coa participación de artistas nacionais e internacionais, burlesque, números musicais e circenses e ata unha rata.
Este show, do que gozaron xa máis dun millón de espectadores só en España, e visitou Milán, París, Colonia, Cidade de México e Buenos Aires, xurdiu da colaboración da agrupación teatral Yllana, a promotora Letsgo Company e Paco León no ano 2011, cultivando un enorme éxito de crítica e público, iniciando xira dous anos despois.
Esta tempada, Cristina Medina, como mestra de cerimonias, converterá o auditorio na súa mansión na que celebra unha orixinal festa co único obxectivo de facer pública a súa relación amorosa que, como todo en The Hole, non ten nada de convencional, xa que a súa parella, Cristóbal, é unha rata.
Facer pública a felicidade que proporciona a Medina é o motivo polo cal ela decide dar a festa. Como madame, Tamia Déniz, mestura a arte do novo burlesque e a provocación. O pony tolo, Óscar Kapoya, será a andróxina mascota da mestra de cerimonias.
A benvida a The Hole correrá a cargo das Supernenas, Arantxa Fernández e Natali Rucker, e os seus números acrobáticos. O espectáculo require da presenza dos mordomos, Arnau Lobo, Raúl Ortiz, Óscar Albert e Edgar López, que tratarán de poñer orde para que todo funcione á perfección.
The Hole conta coa colaboración do aerealista Charlie Plaçais e as súas rechamantes piruetas; Austin Guerrero como Almon, a bóla que deixará ao público encandeado coa súa voz; Dilya, a Marylin aérea, executará a súa performance con anel aéreo. Pecha o cartel o dúo acrobático composto polos Gerasymenko Brothers, que mesturan maxistralmente as súas habilidades corporais co ritmo da música.
As entradas xa se poden adquirir a través da web de Ataquilla.com ou a través do teléfono 902 504 500. Oscilan entre os 29 e os 41 euros. Para as dúas primeiras sesións, está previsto un desconto dun 20% sobre o prezo da entrada.
Relacionadas:
-
O pracer, como 'The Hole', sen censuras
Por Antía Fernández Buján & Mónica Patxot |
-
"The Hole" estréase en Pontevedra nunha noite libre de prexuízos
Por Antía Fernández Buján & Mónica Patxot |
-
A sede de Afundación transformarase nun cabaret con 'The Hole'
Por Redacción |
-
Rafael Álvarez "El Brujo", Els Joglars e María Adánez na nova tempada teatral de Afundación
Por Oskar Viéitez |