Rafael Álvarez "El Brujo", Els Joglars e María Adánez na nova tempada teatral de Afundación
Por Oskar Viéitez
A nova tempada teatral de Afundación traerá a Pontevedra catro obras que abordan temáticas de índole introspectiva e de coñecemento do ser humano. Desde unha homenaxe a Miguel de Cervantes con Rafael Álvarez "El Brujo" e Misterios do Quixote; pasando pola reflexión sobre a mala praxe xornalística en Zenit: a realidade á súa medida, de Els Joglars; ata a infidelidade e as súas consecuencias en El contador del amor.
Abre o pano da tempada Zenit: a realidade á súa medida, con Els Joglars, de Ramon Fontserè e Martina Cabanas, que se representará o 16 de febreiro ás 20.30 horas. A obra mostra o desenvolvemento dun gran xornal, Zenit. Observamos con detalle as súas oficinas, o día a día dos xornalistas, as amizades e obrigacións dos seus propietarios, o enfrontamento entre o xornalismo ético e a voracidade do medio? A súa cota de poder e influencia é proporcional ao número de vendas, e para iso non se dubidará en manipular, filtrar ou retocar a realidade. O elenco está formado por Ramón Fontserè, Pilar Sáenz, Dolors Tuneu, Xevi Vilà, Julián Ortega e Juan Pablo Mazorra.
Lulú, de Paco Becerra, será representada o 12 de marzo. Trátase dunha obra na que a protagonista, Lulú, é acubillada na casa que un home viúvo comparte cos seus dous fillos, xerando unha atmosfera de magnetismo que vén acompañada de sucesos misteriosos. María Adánez protagoniza esta historia xunto a Samuel Viyuela ou David Castillo.
Rafael Álvarez dirixe e interpreta en solitario Misterios del Quijote, o día 29 de abril ás 20.30 horas. Unha particular homenaxe a un sabio de cuxo nome non quere acordarse... Morrer cordo e vivir tolo.
Pechará tempada El contador del amor, unha adaptación de Julián Quintanilla e dirección de César Lucendo, programada para o 14 de maio ás 20.30 horas. Con David Mora, Norma Ruiz e Antonio Zabálburu coñeceremos os perigos de ter á nosa parella como máxima confidente. Diana e Agustín: tras anos de feliz matrimonio, deciden confesarse as súas aventuras extramatrimoniais. Isto convértese no comezo dunha profunda crise chea de sospeitas lexítimas, acusacións e celos explosivos, pois ningunha mentira está exenta de consecuencias e ningunha verdade está exenta de perigos.
Relacionadas:
-
O xornalismo visto por Els Joglars chega este xoves ao auditorio de Afundación
Por Redacción |
-
"The Hole" chega a Pontevedra: haberá seis funcións entre os días 9 e 12 de febreiro
Por Redacción |
-
Unha reflexión sobre a prostitución en ton de comedia
Por Diego Torrado |
-
A violencia de xénero chega a Afundación da man do teatro
Por Diego Torrado |