A sede de Afundación transformarase nun cabaret con 'The Hole'
Por Redacción
O auditorio Afundación de Pontevedra transformarase entre o 9 e o 12 de febreiro nun cabaret co espectáculo The Hole, unha produción española que combina música, humor e números circenses e teatrais e chegou xa a máis dun millón de espectadores en máis de 60 cidades españolas, ademais de dar o salto a Italia, Francia, Alemaña, México e Arxentina.
O director da xira, Carlos Alexandre; a mestra de cerimonias das actuacións de Pontevedra, a actriz Cristina Medina e a coordinadora de Comunicación de Afundación, Gloria Rodríguez, presentaron este mércores o espectáculo, cuxas entradas están xa á venda na web de Ataquilla.com ou a través do teléfono 902 504 500 a partir de 23,30 euros.
The Hole terá en Pontevedra un total de seis funciones. As dúas primeiras, o xoves 9 ás 21.00 horas e o venres 10 ás 19.30 horas, terán un desconto do 20%. O venres haberá un segundo pase ás 22.30 horas xa a prezo normal e o sábado 11 dous pases ás 19.30 e as 22.30 horas. O peche da xira pontevedresa chegará o domingo ás 18.00 horas.
Desde o ano 2013 The Hole tivo múltiples mestres de cerimonias e hai tres meses quen colleu o relevo foi a actriz Cristina Medina, que define a súa función no espectáculo como o da "persona que se encarga de linkear los números con el número". Con moito humor, compartirá cos espectadores unha pequena historieta que lle permitirá ir dando paso aos 14 artistas que pasarán polo escenario.
Segundo palabras de Cristina Medina, trátase dun "show muy enerxético" que durante dúas horas e media consegue que o público "se parta el pecho en la butaca". Está pensado para un público xeneralista, pero non infantil, xa que, segundo os organizadores, inclúe espidos, fálase de sexo e é un espectáculo no que "la provocación está ahí". Un aviso tranquilizador para o público: os artistas non soben aos espectadores ao escenario.
O fío condutor, que irá movendo Cristina Medina, será a súa historia de amor con Cristobal -que resulta ser unha rata- e unha festa na súa mansión na que presenta ao seu prometido. Á festa asisten como convidados as Supernenas, Arantxa Fernández e Natali Rucker, e os seus números acrobáticos; o cuarteto de mordomos, Arnau Lobo, Raúl Ortiz, Óscar Albert e Edgar López, que tratarán de poñer orde para que todo funcione á perfección; o aerealista Charlie Plaçais e as súas rechamantes piruetas; Austin Guerrero como Almon, a bóla que deixará ao público encandeado coa súa voz; Dilya, a Marylin aérea que executa unha performance con anel aéreo; e o dúo acrobático composto polos Gerasymenko Brothers.