"The Hole" estréase en Pontevedra nunha noite libre de prexuízos
A noite do xoves 9 de febreiro, un bo número de pontevedreses sucumbiron á tolemia, ao hedonismo e ás medias de rejilla. "The Hole", un espectáculo de varieté que leva dende o 2011 conquistando as salas de teatro de toda España, chegou a Pontevedra para animar os seus cidadáns para deixar ao carón o pudor e librarse así de toda moral que impida gozar desta actuación tan pouco convencional.
Co motivo do namoramento da parella formada por unha rata chamada Cristóbal e unha Cristina Medina chea de enerxía, esta hiperactiva mestra de cerimonias convídanos á súa mansión para coñecer o roedor que conseguiu que se afaste dos amores efémeros e asente a cabeza. Con esta curiosa premisa, condude o espectador por unha noite na que non queda máis remedio que deixar os prexuízos atrás e entrar nese buraco libre de ataduras.
Monólogos, números musicais, striptease e acrobacias aéreas, todo envolto nunha estrutura que mestura o teatro de variedades e o circo, son os ingredientes principais que conforman esta festa, todo adrezado con moita, moita luxuria pero sobre todo, humor. O obxectivo principal é, segundo Cristina Medina, que "se quiten de prejuicios de ningún tipo porque estamos aquí para rompernos el pecho y vibrar con los números", onde a interacción co público asegura que ningún espectáculo se repita.
"The Hole" permanecerá en Pontevedra ata o domingo 12 de febreiro no Auditorio Sede Afundación para todos aqueles espectadores que se atrevan a entrar no buraco ou para os que sentisen tan a gusto dentro que quixesen repetir. As entradas para o show máis canalla da tempada poden adquirise en Ataquilla.com ou a través do número 902 504 500.