'Atrofiadas as Estrelas', versos que nacen de noite fronte a unha sociedade que vive demasiado ás presas
Por Redacción
Opina Alexander Vórtice que "ao insomnio, ás preocupacións, ao día a día haille que dar senso nos versos" e desa convicción naceu Atrofiadas as Estrelas, unha recompilación de 40 poemas en galego escritos ao longo de máis de dez anos que teñen, como vínculo común, "o erotismo, a supervivencia na noite, as rúas, a soidade..." e o retrato dunha sociedade.
Os 40 textos do que é xa o seu quinto libro son, para o seu autor, "un só poema" que repasa unha década de noites sen durmir. E é que, mentres o mundo dorme, Alexander Vórtice aproveita para escribir poemas. Son "versos que nacen de noite e de soidade" e que acaban converténdose nunha "crítica da sociedade actual", dun mundo que vive demasiado rápido e non ten tempo para repousar experiencias nin sentimentos.
Editado pola viguesa 'Discursiva', Atrofiadas as Estrelas presentouse en sociedade este venres nun acto no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra que contradixo aos seus propios protagonistas, apesadumbrados porque "a poesía non está de moda". A poesía poida que non, pero a de Vórtice si, pois reuniu baixo o mesmo texto a un número de asistentes pouco habitual nas presentacións de libros que se realizan en Pontevedra e moito menos nun de poesía e en galego.
Como mestres de cerimonias exerceron, ademais do editor, Enrique Sánchez, a autora do prólogo, a columnista pontevedresa e colaboradora de PontevedraViva, Milagros Bará; e o tamén columnista Bernardo Sartier. Na súa presentación no propio libro, Milagros Bará móstrao ao lector como "unha paisaxe épica e contundente onde o amor, a noite e o corazón recrean escenarios recorrentes cheos de matices. Unha mestura entre o mundo romántico e o cotián" e "a metonimia do sentimento en estado puro". Ante palabras como esa, pouco quedaba dicir en persoa que non recollese xa, así que optou por recitar o poema que dá título ao libro e que describe "unha cidade de tellados vermellos" que ben podería ser Pontevedra.
Non quedou atrás en eloxios Bernardo Sartier, triste ante a inminente partida de Vórtice para empezar unha nova etapa vital lonxe de Pontevedra, por ter que despedirse dun autor con "una obra poética que merece ser seguida", de "un ser humano absolutamente generoso" e un autor en prosa ao que recomendo seguir tanto nos seus libros como nas súas columnas, que publica en varios medios, entre eles, PontevedraViva, porque "es un columnista muy vivo" que escribe "con un corazón abierto en el que uno puede verse reflejado".
O coprotagonista da noite foi inevitablemente o pintor pontevedrés Antón Sobral, autor das ilustracións que acompañaban aos poemas, debuxadas ao óleo e impresas a todo cor, e que se confesa admirador da obra de Vórtice porque "me emociona". "Estou vivindo nunha época na que quero que as cousas me emocionen (...) pouco me serve que sexa un artista famoso se non me emociona", explicou para confesar que, ao ler os versos que lle pediron ilustrar, sentiu unha emoción xa pouco habitual na actualidade.
Relacionadas:
-
Alexander Vórtice presenta a súa nova obra, o poemario 'Diagnóstico Interior'
Por Redacción |
-
Alexander Vórtice presenta no Museo a súa nova novela, 'Crónica de un hombre bueno'
Por Redacción |
-
Alexander Vórtice presenta no Museo a súa nova novela, 'Crónica de un hombre bueno'
Por Redacción |
-
Alexander Vórtice avanza cun tráiler a súa vindeira novela futurista
Por Redacción |
-
Cinco poetas recitan versos galegos no Manuel Torres de Marín
Por Redacción |
-
Alexander Vórtice presenta o seu novo poemario, 'Atrofiadas as Estrelas'
Por Redacción |