Pontevedra comeza a engalanarse para iluminar o seu Nadal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os operarios da empresa Electromiño xa están instalando toda a iluminación que encherá de luz e cor as principais rúas e prazas de Pontevedra durante as festas de Nadal.
Haberá decoración en 83 rúas da cidade e instalaranse arcos e outros motivos de iluminación en gran parte do farois do centro urbano, barrios e parroquias.
Esta iluminación, que impulsa o Concello de Pontevedra, conta coa colaboración das entidades empresariais Zona Monumental e AEMPE.
Eduardo Pondal, Alameda, Michelena ou a Praza de Ourense son algunhas das rúas que xa teñen colocada a iluminación que terán durante estas festas.
Ademais dos arcos de luz e dos elementos dos farois, está previsto a colocación de oito paneis de felicitación de festas nas entradas á cidade e a iluminación das camelias da Praza de Ourense.
Na Praza de España instalarase unha árbore de grandes dimensións, dous mantos de luz estarán nas prazas de Méndez Núñez e da Leña e haberá diferentes bólas e motivos en diversos puntos da cidade.
Serán, en total, máis de 530 elementos luminosos repartidos por todo o municipio.
O acendido de toda esta iluminación será o próximo martes 5 de decembro.