Empresas e colectivos xuvenís súmanse aos programas de prevención de tabaco, alcohol e drogas en Vilagarcía
Por Redacción
O Servizo Preventivo Asistencial de Drogodependencias (SPAD) de Vilagarcía que se ocupa tamén dos concellos de Cambados, Ribadumia e Meis, ampliou este curso o seu ámbito de actuación incluíndo no seu proxecto anual programas destinados a empresas, colectivos xuvenís e familias con fillos en situación de risco ou con problemáticas xa avanzadas.
O programa de prevención laboral leva por título "Ao alcance". A súa posta en marcha responde ao elevado impacto negativo que o consumo de drogas (legais e ilegais) teñen sobre o medio laboral.
Ademáis seguen os programas tradicionais, coma o de prevención selectiva "Non pasa nada, pasa algo?" Diríxese a aqueles centros educativos nos que se teña detectado algún problema relacionado co uso de drogas ou nalqueles onde se dean factores específicos de risco en relación co consumo de drogas (desmotivación cara os estudos, dificultades de aprendizaxe, fracaso escolar, alto risco de abandono...)
Outro é o programa "Máis que un teito" que ten como destinatarios pais, orientadores e profesores e profesionais de servizos sociais. E o titulado "En familia todos contan", destinado a familias completas que se atopen en situación de risco en relación coas drogas e que se detectan, en moitos casos, a través dos Servizos Sociais Municipais, equipos de orientación dos centros educativos ou a propia unidade asistencial do SPAD á que acoden a pedir axuda ou son derivados.
Para chegar á mocidade en materia de prevención de consumo e abuso de drogas un bo método e facelo a través dos seus grupos de relación. Esta é a idea do programa "Activa" que ten como poboación destinataria aos diferentes axentes mediadores que traballan cos mozos.
"Cambio de sentido" e o programa no que se informa ás persoas que están preparándose para obter o carné de conducir sobre os efectos que causa no corpo o consumo de diferentes tipos de drogas e alcohol e os riscos que conleva a condución baixo os seus efectos.
Ademáis existen outros sete programas de ámbito educativo.