Vilagarcía, preparada para acender este venres 1 de decembro as súas luces de Nadal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Vilagarcía entrará oficialmente no Nadal este venres 1 de decembro. É o día elixido para celebrar a festa de acendido da iluminación decorativa. O acto, como en anos anteriores, terá lugar na Praza de Galicia a partir das sete da tarde.
Media hora antes, ás 18:30 horas, Papa Noel e toda a súa comitiva de elfos sairán da Praza da II República para percorrer as rúas do centro da cidade e convidar ás persoas que se vaian atopando a acompañalos ata a Praza de Galicia para asistir ao prendido do alumeado.
Acompañaraos o grupo Troula co seu vistoso e divertido espectáculo "A luz do camiño", con patinadores e percusionistas.
A esa mesma hora comezará o acto na Praza de Galicia, onde xa se atoparán o Elfo Rodelfo e a presentadora Erea Hierro para ir animando ao público con xogos de participación e co ensaio do recibimento co que agasallarán a Papa Noel.
Xa con todos os convidados no escenario e coas agullas do reloxo apuntando ás 19:00 horas, as voces dos asistentes corearán a conta atrás e o "Préndete" co que se acenderán de xeito simultáneo a árbore da praza e todo o alumeado de Nadal da cidade.
A festa non rematará aí xa que, seguindo a tradición, Papa Noel recibirá todos os cativos que desexen saudalo. Para facelo de xeito ordenado, comezarase cos máis pequenos e cos rapaces que precisen acompañamento ou non poidan achegarse polo seu propio pé.
Para facer moito máis divertida e amena a espera, todos os presentes na Praza de Galicia poderán cantar e bailar as divertidas e modernas versións de temas populares realizados por Uxía Lambona que, xunto coa Banda Molona, ofrecerá un concerto de unha hora de duración.
Será ao remate da actuación e da recepción cando Papa Noel se despida e marche na súa carroza facendo outro percorrido polo centro da cidade.
O prendido do alumeado de Nadal é a primeira das actividades que o Concello de Vilagarcía ten previsto desenvolver para celebrar estas entrañables festas e para dinamizar social e economicamente a cidade. A programación ao completo presentarase ao longo desta semana.