A rede de saneamento de residuais toma impulso en Lourido, Soutomaior
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Soutomaior avanza na implantación da rede de saneamento de residuais naqueles lugares de Lourido que aínda non contan co servizo.
O siguinte paso será a posta en marcha nos vindeiros días da primeira fase das obras, que inclúe a instalación dun sistema de bombeo que facilitará a ampliación da rede de saneamento de Lourido en seguintes fases de actuación que se leven a cabo nos vindeiros anos.
O concelleiro de Obras, Pablo Garrido, visitou este xoves Lourido para supervisar a zona do núcleo do barrio onde se desenvolverán estas obras. Estivo acompañado do técnico da enxeñaría encargada de redactar o proxecto e o responsable da empresa construtora para coordinar o arranque das obras nos vindeiros días.
Pablo Garrido sinalou que seguirán avanzando na ampliación e mellora do saneamento do Concello e son "conscientes de que aínda queda moito traballo por diante" para dotar Soutomaior cunha verdadeira rede separativa de saneamento.
"Pouco a pouco iranse dando pasos no tratamento e depuración das augas residuais do noso concello", sinalou, ao tempo que asegurou que esta é unha das prioridades para o goberno local.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, celebrou que nos vindeiros días vaian comezar as obras para avanzar na rede e indicou que o goberno de Soutomaior xa ten redactados varios proxectos e contratada a redacción doutros tantos para presentar ás convocatorias de subvencións que se abran nos vindeiros meses.