O Mosteiro de Armenteira e a Deputación traballan para estimular a explotación comercial dos cosméticos de camelia
Por Redacción
O mosteiro da Armenteira, en Meis, acolleu este martes unha reunión da comisión de seguimento do proxecto de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a comunidade relixiosa para o estudo de novos produtos de cosmética elaborados con aceite extraído de sementes de camelias cultivadas na provincia.
O encontro serviu para estudar a evolución deste proxecto, con vixencia ata 2025, e contou coa presenza do deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela.
O obxectivo desta iniciativa é determinar a rendibilidade das plantacións de camelia e das súas sementes en Galicia, así como a calidade do seu aceite extraído por prensado en frío para o seu uso cosmético, concretamente para a elaboración de produtos naturais como xabóns, aceite puro cosmético, bálsamos labiais ou cremas corporais.
O proxecto busca concretar a produción de sementes por planta e o tempo que cada unha tardaría en chegar á súa máxima produción. Con isto, poderase esclarecer a rendibilidade de cara a futuras plantacións e, polo tanto, estimular a súa explotación comercial na provincia de Pontevedra.
O traballo conxunto da Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, e a comunidade do mosteiro da Armenteira está a abrir novas posibilidades de aproveitamento do medio rural da provincia.
Relacionadas:
-
Agora que a 'Catedral do Salnés' está aberta a visitas piden que se recupere a oficina de turismo
Por Oskar Viéitez |
-
Novo programa de visitas guiadas á Estación Fitopatolóxica Areeiro
Por Redacción |
-
Areeiro avanza na investigación contra o fungo que murcha a flor da camelia
Por Redacción |
-
Empresarios chineses interésanse na compra dun terreo na provincia para producir e exportar aceite de camelia
Por Diego Espiño |
-
Quince empresarios chineses visitarán as Rías Baixas, interesados no albariño e o aceite de camelia
Por Redacción |