O PP chama á militancia a "traballar coma nunca" no 2024 para que Rueda acade a súa "primeira maioría absoluta"
Por Redacción
O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, presidiu este luns Xunta Local do PP de Pontevedra, na que se fixo un chamamento á militancia a "traballar coma nunca" no 2024 para poder acadar a súa "primeira maioría absoluta".
Na súa intervención Alfonso Rueda contrapuxo a "falta de aposta do Goberno central por Pontevedra" co apoio que, según dixo "a cidade recibe, ano tras ano, por parte da Xunta". Neste sentido, destacou que os Orzamentos autonómicos para o 2024 recollen un investimento que supera os 90 millóns de euros para a Boa Vila.
Así mesmo, o presidente do PPdeG puxo en valor que, "fronte ao contexto nacional, a nosa Comunidade siga a ser unha illa de estabilidade que permite aos concellos coma Pontevedra sacar adiante os seus obxectivos".
Acompañado polo presidente provincial, Luis López, e o presidente local, Rafa Domínguez, trasladou aos asistentes á Xunta Local do PP de Pontevedra celebrada este luns o seu compromiso de "seguir defendendo a cidade desde o Goberno galego e, ao mesmo tempo, defendela fronte a Pedro Sánchez e o socialismo, así como ante o independentismo".
Así mesmo, aproveitou o encontro para felicitar a Rafa Domínguez e o seu equipo polos bos resultados acadados o pasado 28 de maio, gañando as eleccións municipais en Pontevedra, o que axudou a que o PP recuperase a Deputación de Pontevedra "tras oito anos escuros e de sectarismo do goberno socialista e nacionalista".
Quixo tamén coñecer de preto os proxectos de futuro que ten en marcha a Deputación, que vén de aprobar o seu orzamento, e o grupo municipal, que "lidera unha oposición responsable e representativa do enfado xeneralizado da poboación cun goberno en minoría e afastado da realidade, como quedou demostrado no pleno da corporación municipal desta mesma mañá".
Pola súa banda, Luis López destacou o "magnífico traballo" da agrupación municipal, liderada por Domínguez e a importancia deste primeiro ano de lmandato. De cara ao 2024, convidou aos militantes a "traballar coma nunca para que o presidente Rueda acade a maioría absoluta que precisa e siga así defendendo os intereses dos seus veciños pontevedreses desde a Xunta".
Mentres, Rafa Domínguez agradeceu a "xenerosidade" do presidente Rueda coa súa cidade e a "confianza" que ten depositada nel, xunto a López, para representar os intereses de Pontevedra na Administración provincial. O presidente local destacou tamén a "implicación" dos militantes que lle trasladan o seu "optimismo" para esta nova etapa de maior responsabilidade, pero coa mesma "humildade e rigor para escoitar a todos os veciños".