Regularán con tres semáforos o cruce da rúa Progreso coa dos Cesteiros, na PO-308
Por Redacción
A Xunta regulará con semáforos a intersección da rúa dos Cesteiros coa estrada PO-308 á altura da rúa Progreso, na estrada autonómica PO-308, ao seu paso por Sanxenxo.
A actuación, adxudicada á empresa Setga por preto de 50.000 euros, está previsto que comece a vindeira semana e suporá algunha afección ao tráfico, que estará debidamente sinalizada.
Esta intervención xorde da necesidade de regular o tráfico nesta intersección na que na actualidade só está permitido o xiro á dereita, e o cambio de sentido debe realizarse na glorieta da intersección da rúa de Madrid coa PO-308, situada aproximadamente a 300 metros.
Isto supón como principal inconveniente a interrupción na fluidez do tránsito das liñas de autobús en dirección A Lanzada e a conexión coa autovía do Salnés (AG-41), especialmente en horas punta.
Cos traballos que se van levar a cabo trátase de facilitar con regulación semafórica a realización do xiro á esquerda desde a rúa dos Cesteiros cara á estrada autonómica PO-308, sen que supoña retencións.
Para iso instalaranse tres semáforos, dispostos dous deles na estrada PO-308 e o terceiro na rúa dos Cesteiros.