Sanitarios por un traballo digno: "En oito anos tiven 480 contratos e hai xente que ten mil"
Por María José Pita & Mónica Patxot
Simultaneamente en oito cidades galegas, o colectivo A Por Todas (APT), antes chamado Enfermeiras a por todas, realizou concentracións ás portas de los centros sanitarios públicos.
No caso de Pontevedra, o escenario foi o Hospital Provincial. O persoal sanitario de diferentes categorías uníase para reclamar unhas condicións laborais dignas. "Unha sanidade de calidade depende en gran medida das condicións laborais dos seus traballadores, de que se manteñan os seus dereitos, se respecten os seus descansos e non se usen como panos de usar e tirar", podíase escoitar no comunicado ao que se deu lectura durante a concentración.
Un dos asuntos que denuncia o colectivo é o uso abusivo de contratos precarios, de meses ou de días, nos que, en moitas ocasións, o horario é comunicado ao traballador cun só día de antelación. "Eu ata coller a interinidade, que a collín con 8 anos traballados, tiña 480 contratos, e hai xente que incluso ten mil", declara Eduardo García Iglesias, enfermeiro na Unidade de Uroloxía do Hospital Montecelo.
O tamén portavoz de A por Todas vive no seu día a día as dificultades coas que se atopan os profesionais sanitarios para desenvolver o seu traballo con seguridade. "Por exemplo, na miña planta na tarde que quedamos dous enfermeiros estamos atendendo unha media de quince ou dezaseis pacientes cando o ideal estaría en oito, segundo di a OMS", matiza García Iglesias.
Outro dos casos que relata é o do chamado "solapamento" de xornada, que "é o tempo do cambio de turno cando vén o teu relevo", explica o enfermeiro. Son minutos fóra da xornada laboral que no acumulado do ano "calcúlase que se perden 70 ou 80 horas, que non as están pagando".
Estas condicións de traballo, admite o colectivo, están xerando unha gran presión nos profesionais e supoñen un risco para a seguridade dos doentes, ao minguarse a calidade asistencial. Esta deterioración da Sanidade Pública provocaría o "incremento desorbitado da actividade privada" e a migración de profesionais sanitarios fóra de Galicia ou incluso de España.
A de este xoves 16 de novembro é a segunda concentración que convoca A Por Todas. A anterior foi no mes de setembro. Tras esa primeira mobilización, recibiron a petición do propio xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, para manter un encontro. Na reunión atoparon comprensión por parte do equipo directivo pero lamentan que non se acadase ningún compromiso.
Á agarda do que suceda en días posteriores, de non producirse avances nas súas reivindicacións, non desbotan convocar unha gran manifestación en Santiago con persoal de todas as áreas sanitarias de Galicia.
Relacionadas:
-
As enfermeiras protestan diante do Hospital Provincial en demanda de melloras laborais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
"Enfermeiras, a por todas" convoca unha protesta diante do Hospital Provincial
Por Redacción |
-
Limpadores ao límite: "en Montecelo dúas persoas de noite fan todo, quirófanos, covid, todo"
Por María José Pita |