O BNG pide no Parlamento medidas urxentes para mellorar a seguridade viaria en Pardavila
Por Redacción
O BNG de Marín levou ao Parlamento a falta de seguridade viaria no estrada PO-313 que se ven denunciando dende hai tempo, pero acadou o seu punto central a raiz do atropelo mortal dunha veciña de Pardavila. O deputado nacionalista Daniel Rodas ven de presentar unha batería de preguntas sobre esta falta de seguridade e unha proposición non de lei na que insta ao goberno da Xunta a que redacte e leve a cabo, pola vía de urxencia, un proxecto de seguridade viaria para o núcleo da Pardavila.
Segundo informan os nacionalistas, esta proposta é o resultado da asemblea veciñal celebrada en Pardavila o 23 de xaneiro. A voceira nacionalista, Pilar Blanco sinalou que"explicámoslles aos veciños e fixémoslle entrega da documentación que obra no Concello dende xullo de 2012 sobre o Plan de Mobilidade do Morrazo aprobado pola Xunta e que contempla obras de seguranza viaria na PO-313 que nunca se levaron a cabo".
"Este plan só cualifica de urbano o tramo entre a rotonda da variante e Coirados, polo que os veciños estiveron de acordo en solicitar da Xunta que redacte e leve a cabo un proxecto para o núcleo de Pardavila que conleve o tratamento de travesía e polo tanto a súa urbanización, con dotación de beirarrúas, alumeado, pasos de peóns e regulación da velocidade por medio de semáforos, e isto é o que vimos de facer no Parlamento a través dunha proposición non de lei", explica.
Ademais de instar á Xunta a realizar este proxecto con urxencia, dende o BNG queren que se dean as explicacións pertinentes de cales son as medidas que en concreto ten pensado acometer para garantir a seguridade viaria no núcleo da Pardavila e en toda a PO-313.
"Nin a Xunta nin o Concello se poden limitar a poñer catro luces e unhas cantas sinais, é urxente que se regule o tráfico e a velocidade e que se protexa a vida das persoas que circulan e viven ao pé desta estrada que leva rexistrado un elevadísimo número de accidentes e que xa é un punto negro", afirma a portavoz nacionalista.
"ÿ indignante que tivera que suceder unha desgracia para que a Xunta se decida a poñer uns sinais de límite de velocidade"
As iniciativas presentadas son resultado das conclusión ás que chegaron conxuntamente entre os veciños e os representantes do BNG na citada reunión veciñal, de modo que os nacionalistas queren que os residentes neste núcleo de Marín teñan información puntual do que están a reclamar da Xunta.
Pilar Blanco opina que "está demostrado que a presión veciñal é o único que fai reaccionar ao goberno do PP" e cita como antecedente desta afirmación a experiencia do proxecto de seguridade viaria da recta de Bagüín, "tantas veces reclamado polo BNG, e que a Xunta ven de modificar retirando a barreira de formigón despois da moción presentada por nós no Concello e avalada por centos de sinaturas dos veciños".
A voceira nacionalista conclúe que "é indignante que no caso da Pardavila tivera que suceder unha desgracia para que a Xunta se decida a poñer uns sinais de límite de velocidade".
Relacionadas:
-
Farois e semáforos para mellorar a seguridade en Pardavila
Por Redacción |
-
Os veciños de Pardavila maniféstanse para reclamar medidas de seguridade viaria na PO 313
Por Redacción |
-
Os veciños de Pardavila mobilizaranse para reclamar seguridade vial
Por Redacción |
-
Marín pedirá axuda a outras administracións para mellorar a seguridade viaria en Pardavila
Por Redacción |