A nova iluminación pública do parque de Nantes aforrará un 63% ao ano
Por Redacción
A substitución de 368 luminarias da iluminación pública do parque de Nantes supoñerá un aforro anual do 63% para o Concello de Sanxenxo.
Os novos puntos de luz tipo led supoñen unha redución no consumo de 237.000 kw/h e un aforro económico de 56.876 euros anuais. A medida supoñerá tamén unha redución importante na emisión de gases de efecto invernadoiro de case un 72%.
A renovación tivo un custo de 150.000 euros procedentes dunha cunha subvención da Consellería de Economía, Industria e Innovación no marco da concesión de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia.
Esta subvención supuxo un 80% do investimento mentres que o 20% restante foi asumido polo Concello.
Os traballos consistiron no desmonte das 368 luminarias, a subministración e instalación de luces led de última xeración e a colocación da liña soterrada, así como de proteccións eléctricas. Tamén se colocou a instalación dunha columna troncocónica de aceiro galvanizado.
O polígono conta cun total de 261 parcelas para actividade empresarial. A maiores, o Concello de Sanxenxo dispón dunhas parcelas que suman 48.704 m2 que se destinarán a equipamentos públicos, entre os que destacan as novas sedes da Policía Local, o Servizo de Emerxencias e a sede dos servizos de mantemento, parques e xardíns.