Marín rescindirá o contrato das obras do Liceo Casino por incumprimento da empresa
Por Redacción
O Concello de Marín vén de iniciar os trámites para resolver o contrato á empresa adxudicataria das obras do Liceo Casino por incumprimento dos traballos de reconversión do local nun futuro centro de día xuvenil e no arquivo municipal.
O goberno local informou de que a empresa non estaba executando a obra e que esa parálise estaba a afectar ao proxecto e incumpríanse as condicións de contratación.
Tal e como explica o Concello, esta resolución foi notificada á empresa, que unicamente levaba executado un 33% do total da obra, aproximadamente. Por iso, agora iníciase unha nova tarefa administrativa para poder licitar a execución da porcentaxe que queda.
Esta decisión tómase despois de que a empresa incumprise as esixencias contractuais producindo un gran agravio ao correcto desenvolvemento do proxecto.
Desde o Concello, queren que o futuro centro xuvenil sexa un espazo que lle sirva á mocidade como punto de referencia de actividades interesantes a nivel social, cultural e formativo, para que poidan desenvolver o seu potencial, namentres gozan dun tempo de lecer de calidade.
Novas tecnoloxías, destrezas educativas, aptitudes culturais e artísticas e outras liñas de desenvolvemento persoal serán as liñas que marquen as actividades e servizos que se ofrezan no centro, que estará pensado para rapaces e rapazas de entre 14 e 20 anos, aproximadamente.